O Papá Estado

Na relación co Estado, o cidadán vese sempre limitado polas súas posibilidades, tanto de xeito individual como de xeito colectivo. Véñenseme aos miolos, as enormes dificultades dos traballadores bazanistas para dialogar co Estado, en demanda de melloras salariais ou en peticións de traballo.


Co gallo do inicio da construción das futuras Fragatas, os que xa imos entrados en anos, podemos lembrar sen moito esforzo o que se comentaba “nas altas esferas” estatais, cando os traballadores da Bazán faciamos manifestacións, pedindo carga de traballo. Qué queren os de Ferrol? Adoitaban preguntar, e engadían: É que pretenden vivir sempre á sombra de Papá Estado? E de seguido, lembraban as cantidades millonarias que o Estado asignaban (a Ferrol?) para a construción dalgún barco, esquecendo que, a parte maior do orzamento, ía parar ás empresas que fabricaban as chapas de aceiro, os cables, a pintura, os motores, os canóns e os diferentes equipos de navegación, comunicacións e sistemas de combate, todas fora de Ferrol e algunha fora de España. Pero, que queren os de Ferrol?, repetían, como se pedísemos esmola, no canto de traballo. E mentres, no resto do Estado acadaban estradas, autovías e bos ferrocarrís, algo do que en Ferrol seguimos agardando. E como no “monólogo do vello traballador”, poderíamos dicir: Para nós, o Estado é aquel Patrón que á nosa conta está rico, mentres á súa nós estamos vellos, pois tomamos o sol, cando o hai e, mentres, cara ao sol (?), agardamos. Se cadra estarei nun erro, pero penso que o Estado débelle moito máis a Ferrol, que nós a el. E non só polo que aquí non fixo, senón tamén polo que non nos deixa facer, sen que haxa unha xustificación para excluírnos da construción de mercantes, pois se saen máis caros, haberá que mellorar en instalacións e en tecnoloxía, porque na man de obra non nos gañarán en ningún país do mundo. E xa que logo...?


Esta situación pódese producir tamén no caso dunha relación, co Concello, por exemplo, no caso de colectivos ou individuos que, por algunha razón véxanse necesitados de falar cos rexedores municipais, se ben nesta relación, nalgúns casos pódese definir ao Concello como Padrastro, no canto de Pai. No caso concreto do Concello de Ferrol , houbo e hai, situacións para todos os gustos: Gobernos autoritarios, inaccesibles e prepotentes; Gobernos amigables, respectuosos cos cidadáns, abertos ao diálogo e a traballar pola cidade; outros empeñados máis en desfacer que en construír; outros que buscaban facer grandes negocios persoais e outros con unha de cal e dúas de area. E , nas épocas anteriores, o concello gobernado polos funcionarios “Reis de Taifas”, que non reparaban en estafar aos máis febles, con tal de asegurar a súa paga mensual.

Pode que alguén pense que isto é unha crítica esaxerada, froito do cabreo dalgún prexudicado, como nos casos da auga, da depuradora, das vivendas protexidas, dos peches de rúas, da desfeita da Praza de España, que encheron de toneladas de pedra de granito, no canto dun espazo libre e razoablemente verde. En fin, que casos e cousas hai abondo para o descontento. En sen falar do goberno municipal actual, porque, para que?

O Papá Estado

Te puede interesar