A Fundación Luis Seoane acolle a mostra “PAISAJES. RAMÓN VÁZQUEZ MOLEZÚN”, a segunda que, como homenaxe do do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), co gallo do seu centenario, se lle dedica ao arquitecto coruñés (1922-1993) A primeira, celebrada en outubro do ano pasado, centrábase na súa casa de A Roiba, como exemplo de arquitectura orgánica que busca dialogar co entorno e na que o uso de determinados materiais, texturas e cromatismo revelan a súa sensilibidade pictórica. Este aspecto tamén quere destacarse na mostra actual e de aí o título, pois non só o estudo do territorio foi fundamental para integrar nel a súa arquitectura, senon que esta foi creadora de paisaxe. .A exposición non só recolle planos, croquis e maquetas dalgúns dos seus grandes proxectos arquitectónicos, senón tamén cadros e apuntes nos que quedan patentes as súas notables dotes de pintor. De feito, durante un tempo participou en varias mostras, expuxo no Pabellón de España da XXV Bienal de Venecia ( 1950), nunha colectiva de Arte Gallego en A Coruña( 1952, recibindo a Primeira Medallla) do Ministerio de Educación pola súa obra “Brujas”. Entre as obras presentes están unha serie de Apuntes de cidade nórdica, Venecia. Riva degli Schiavoni e Fachadas, Marina italiana, Abadía de Westminster, unha rúa de París, dúas vistas de Brujas e “Cidade nórdica”; nelas destaca a gran soltura do debuxo e do trazo que capta as liñas esenciais do lugar, a sutileza das manchas que puntean detalles e o variado e libre dominio da cor que se insire nos presupostos rupturistas das vangardas do século XX. Outra característica é a sutil presencia dun lirismo evocador, dese algo fuxinte e inasible que se traduce nos matices da inasible luz que o mesmo o tinxe todo de douradas ardentías solares , como en “Vista de Brujas” como nos leva ás densas, escuras e grisallentas atmosferas de “Cidade nórdica”. Pensamos que este sentimento da paisaxe venlle das súas raíces galegas, desa comunión telúrico-animista que nos caracteriza e que o levaba a escoitar aos númenes do lugar, para traducilos logo a módulos dunha xeometría aberta i expansiva, como os rtimos da natureza; un exemplo desto é o seu proxecto da casa Huarte. Un aspecto que se quere destacar é o do seu atlantismo, a luz galega, o mar, as galerías... todo iso que fai del un creador heterodoxo e intuitivo, o que xa quedou patente nos seus inicios co Faro Votivo para o apóstol Santiago que lle valiu en 1949 a beca como pensionado de arquitectura para a Academia Española de Bellas Artes de Roma. Aquí inicia una carreira brillante pola que recibirá premios como o de Bellas Artes polo Proxecto de Teatro ao aire libre de homenaxe a Gaudí, que mereceu o eloxio entusiasta de Alejandro de la Sota, ou o Premio Nacional de Arquitectura en 1953 polo Museo de Arte Contemporáneo, pensado para a Castellana de Madrid. Dende entón, será xa e un maestro inspirador para os novos arquitectos e unha referencia fundamental para á arquitectura contemporánea.