O pacto que a CEOE votou por unanimidade

Do novo pacto entre a patronal CEOE e máis as centrais sindicais CCOO e UGT, en materia salarial, para alén do contido, chama a atención que se anunciase despois do 1º de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, e que a dirección da CEOE o aprobase por unanimidade. Ambos feitos non son casuais e hai que telos en consideración, nun caso porque amosa que había prevención respecto da polémica que podía xerar unha presentación previa na clase traballadora,... na base dos propios sindicatos pactistas? E por outra banda, a CEOE só pode acadar este grao de unidade cando toda ela se sinte beneficiada, ou sexa, cando aumenta a súa parte “no reparto do PIB” e isto só é posíbel cando este medre se obtén dos salarios e/ou a patronal paga menos impostos,... E como extra: rebaixase a mobilización da clase traballadora.
 

O aumento salarial pactado pra os anos (2023-2024-2025) varia entre o 4% para este ano, e o 3% para o 2024 e 2025, e ate 1% máis como máximo se a inflación excede estas contías. En principio estas porcentaxes coinciden coas previsións de inflación de distintos organismos, mais se esta é superior á contia pactada o persoal asalariado perdería poder adquisitivo, e ademais, a situación política e económica non desbota un contexto deste tipo. Por outra banda, e sen dúbida é o aspecto principal, no 2021 e 2022 a clase traballadora por mor do medre da inflación perdeu unha boa parte do seu poder adquisitivo (no salario real unha media do -5,3% no ano 2022 no Estado español). Destacando especialmente o aumento en produtos e bens básicos, como alimentos, enerxía e vivenda,... Con este pacto non se recuperaría o perdido neses anos, consolidaríase como un retroceso salarial ali onde se cumpra o acordo, agrandando a desigualdade no reparto da renda.
 

O pacto non evita que haxa convenios nos que se superen estes topes, por exemplo, como veu sucedendo estes anos ali onde existe unha forte base sindical e centrais combativas e criticas cos pactos sociais. Agora ben, a diferenza é que non só atoparan a oposición da patronal senón que tamén dos sindicatos asinantes deste “acordo de rendas”. Non deixa de ser un atranco importante, máxime nun intre no que a mobilización laboral ía en aumento, e os resultados dos convenios asinados eran cada vez mellores, permitindo recuperar unha gran parte da perda nos últimos anos do poder adquisitivo dos salarios. Con este pacto a patronal coida que pecha esta porta, rebaixa a conflitividade, e frea o aumento de conciencia de clase. Daquela que estea tan contente.

O pacto que a CEOE votou por unanimidade

Te puede interesar