Outra volta

Gusto moito duns cantos lugares de Portugal. Un deles Setúbal, que ten grande estaleiro cunha potente grúa porticada -elemento destacado no sky line da cidade-, que sempre que por alí ando me trae recordos da de Astano, Navantia ou como agora se chame. Nese pórtico tamén puidemos ler Setenave ou Lisnave, en función de como se denominase a empresa, porque en Portugal, como entre nós, o tema da construción e a reparación naval tamén deu moito que falar, dar e tomar.


No libro Setenave: revolução, nacionalização, privatização (2018), da autoría do doutor Jorge Fontes, cóntanse cousas da interesante historia da empresa e do relevante papel que xogaron os seus traballadores.


A vida do traballo está ben presente na cidade, tanto é así que conta co Museu do Trabalho ‘Michel Giacometti’, especialidade museística menos frecuente do que, sen dúbida, debería ser.


Setúbal conta tamén co interesante monumento escultural -30 toneladas de ferro e chapa de aceiro e 13 metros de altura- “Cubo a Arder”, inaugurado o 1º de outubro de 1985 e dedicado, como indica a placa que o acompaña, “Ao 25 de Abril e às Nacionalizações”. A placa indica, así mesmo, que o monumento -proxectado polo arquitecto Rodrigo Ollero e os escultores Virgílio Domingues e António Trindade- foi froito do traballo voluntario dos operarios da Setenave. Cando a inauguración, estes traballadores manifestaran: “O monumento que, com entusiasmo construímos e vamos oferecer à população de Setúbal, constituirá um marco histórico que perdurará como símbolo de luta dos trabalhadores em defesa das nacionalizações do regime democrático”. Non acertaron de todo, pois, aínda que o monumento segue sendo visible, o estaleiro acabou, como tantas outras cousas, en mans privadas.

 

Setúbal conta tamén co interesante monumento escultural, “Cubo a Arder”, dedicado “Ao 25 de Abril e às Nacionalizações”


Falar de Setúbal implica, necesariamente, lembrar o Zeca Afonso, referente, non só no cultural, da loita contra a ditadura. Porque na cidade do Sado residiu anos da súa vida, os últimos na freguesía de Vila Nogueira de Azeitão. A Setúbal chegou, en 1967, como profesor do Liceu Nacional -hoxe Escola Secundária du Bocage-, lugar de traballo no que non durou moito, por ter sido expulsado do ensino oficial por causas políticas. 


E en Setúbal morreu o 23 de febreiro de 1987, ficando enterrado no cemiterio de Nossa Senhora da Piedade. Alí, á campa rasa entre a xente, onde quixo que o enterrasen, fun, un destes días pasados, renderlle silenciosamente toda a miña admiración, a mesma que, sonoramente, lle tributei nas tres ocasións en que tiven o pracer de velo e escoitalo cantar.


Da súa relación coa cidade atopamos precisa información no libro, editado pola AJA, Lugares de José Afonso na geografia de Setúbal (2019), obra do profesor Albérico Afonso Costa.


Desta volta tiven ocasión de reafirmarme en que pasear pola parte baixa de Setúbal -que un xa non está para moitas costas- é unha delicia. Como tamén o é apañar o ferri para achegarse ás inmensas praias que conforman o litoral da península de Troia, das que xa puiden desfrutar hai case que medio século. 

Outra volta

Te puede interesar