Existe o estereotipo da imaxe do nacemento de Xesús que se mantén perante más de dous mil anos: a imaxe miserenta dun pobre pesebre onde unha pobre família atopou abeiro, para que María puidese dar a luz un neno que vemos deitado nun berce de pallas flanqueado por unha mula e un boi a xeito de estufas vivintes. É o cadro reproducido que se interesou promocionar e difundir sen entrar noutras posibles consideracións que sen dúbida existen.
Carolina Caamañes é doutora en Historia da Arte, reside e Barcelona e todos os anos por estas datas me fai chegar algunha interesante curiosidade encol desta efeméride hoxe bastante deturpada polo consumismo desaforado no que estamos arestora instalados. Pero esa é outra história.
E Carolina dínos e demóstranos que existen outras posibilidades, outros xeitos de vermos ese nacemento lonxe desa atmosfera de pobreza que outros quixeron promocionar e lograron impor. E fáino, claro está, a través da Arte, da pintura, que viña a ser outrora, dado o inxente nivel de analfabetismo existente, o xeito de contar cousas. E como dicimos por estes lares: “cada un conta da feira segundo lle vai nela”, os artistas contaban abrindo o abano a outras alternativas, algunhas delas contrapostas á versión “oficial”.
A primeira imaxe que me manda Carolina é a do pintor alemán Konrad von Soest (séc. XIV- XV) que figura no retablo da igrexa de Bad Wildungen en Westfalia, e nela aparece a imaxe dunha familia nunha peza aparentemente cómoda: nunha ampla cama con manta de cor vermella está María, figura estilizada cunhas mans de longos dedos e con auréola, mantendo nos seus brazos a un neno espido tamén con nimbo. E ao pé da cama preparando a cea atópase San Xosé, este sen auréola e de xeonllos no chan soplando no lume para avivalo. Os animais aparecen ao fondo, afastados da bucólica escena familiar. Nada que nos faga pensar nunha familia marxinada e afundida na miséria.
A outra imaxe non ten nome pero si moita categoría: pertence ao Libro de Horas de Besançon que está no Fitzwillian Museum de Cambrige e amosa nunha habitación semellante á anterior unha cama con manta tamén vermella na que se atopa María lendo un Libro de Horas, de oracións, propio de xente “ben”, mentres San Xosé, de pé, acubilla amorosamente nos seus brazos ao neno Xesús. Unha imaxe que nos serviría hoxe para definir a conciliación familiar, non si? A versión que nos deron di que o nadal aquel foi nun mísero pesebre nesta data da noite do 24 de decembro que tampouco é segura, pero puido ser doutro xeito. Certo é que, con todo, ¡móntouse o Belén! e montado quedou. Moito lle agradezo a Carola estes retallos tan singulares que figuran na Historia da Arte. Vaian con estas curiosas estampas narradas o meu desexo dunhas festas tranquilas e, se pode ser, felices.