A nova crise bancaria

O sociólogo mexicano Adrian Sotelo Valencia, nun recente artigo, destacaba que: “o anuncio da quebra do Silicon Valley Bank (SVB) fundado en 1983 en Estados Unidos e a súa absorción pola Corporación Federal de Seguros de Depósitos, correu como un lostrego que sacudiu ao mundo financeiro e empresarial. Afectando un dos piares das grandes empresas tecnolóxicas e dixitais de Estados Unidos, xa que case a metade das tecnolóxicas estaban apoiadas con capital de risco e recibían servizos deste banco”. 
 

Salienta Sotelo Valencia o feito de que o SVB fose catalogado hai pouco pola revista Forbes como un dos mellores bancos dos Estados Unidos, e que nun primeiro balance de Bloomber estimou que o sector financeiro perdeu 465 mil millóns de dólares. Coida que é difícil predicir ate onde vai chegar esta crise financeira e como vai incidir no conxunto da economía mundial, aínda que todos os escenarios futuros están ateigados de atrancos, e considera que os medios de comunicación de occidente están minimizando a creba deste e outros bancos (como Credit Suisse). 
 

Agora ben, resulta evidente que mesmo que as quebras non se estendan a outros bancos en todo o mundo, tendo en consideración que xa afectou a entidades de Estados Unidos e Europa, que xogan un papel central no sistema financeiro, terá consecuencias sobre a actividade bancaria internacional. Cando menos xerará unha grande desconfianza sobre o conxunto da economía e do comercio, dado o papel central da banca. E, no caso concreto de Europa non se pode obviar que a inflación non devece, especialmente a subxacente, e no que o medre do PIB e do emprego nalgúns estados, como o español, se basea nos fondos Next Generation, nas exportacións primarias e no turismo exterior. Todo elo nun contexto no que Alemaña está en recesión técnica, Francia atopase nunha situación social conflitiva, e a UE fragmentada polas medidas a tomar diante da guerra na Ucraína, máxime cando implica priorizar o militar a costa de sacrificar os investimentos sociais e a transformación produtiva. 
 

Todo indica que a crise bancaria é máis profunda que a mala xestión dalgúns bancos, xa que ademais está ligada ao modelo económico e social da globalización neoliberal, á existencia das criptomoedas (hai un documento do FMI que toca este tema). Tamén ao medre da desigualdade social e entre países e á especulación como modelo, e por suposto á maquina de facer billetes ao servizo das corporacións, sen apoiarse na actividade produtiva (do que é un exemplo o dólar).

A nova crise bancaria

Te puede interesar