Nadal luminescente

Ben, pois xa estamos mergullados nun novo Nadal no que as vilas e cidades se visten de colorista luminescencia e a xente acude masivamente a pasear polas rúas cun sorriso de orella a orella baixo un manto de vagalumes LED  de  múltiples cores.
Nadal significa natalicio, e nestas datas, malia que ninguén está seguro, celébrase o nacemento de Xesús, un home que, independente das connotacións relixiosas que lle queiramos dar, foi un revolucionario e un activista a prol dos máis necesitados, dos humillados e perseguidos e... así lle foi porque entre poderosos e asoballados as cousas non cambiaron moito, e xa se sabe que aos poderosos séntalles moi mal as reivindicacións dos asoballados. A partir de aí naceu a lenda, e xa se sabe que as lendas nos seducen ata o punto de facelas case verosímiles no noso imaxinario colectivo.


Houbo evanxelistas apócrifos que escribiron cousas que acontecían naquel tempo pero non foron considerados pola igrexa como de inspiración divina e deixáronos de lado. O mesmo que neste tempo onde hai historiadores que intentan arrimar a ascua a súa sardiña e outros que tratan de aproximarse todo o posíbel á verdade. Nos evanxeos apócrifos fálase de cousas que teñen máis visos de se achegar á realidade, pero para a igrexa que veu despois non serviron no propósito de crearen a lenda e quedaron cos textos máis doados para tal fin.


En calquera caso non é o momento de entrar nas contradicións dos apócrifos e os “cronistas oficiais”  porque por aí andan os textos duns e doutros para os que desexen pescudar neles. Certo é que chegamos, máis de dous mil anos despois, a celebrar o que celebramos cos signos externos das luces de cores, dunha desmesurada  acepción ao consumo, con desexos de paz e felicidade para todo o mundo, con troulas e panxoliñas e con Papá Noel, Reis Magos e o Apalpador competindo en desigualdade de condicións. Este é o escenario no que actuamos xustos e viláns sorrindo, dándonos a man e palmadas nas costas. ¡Que bo sería manter esta actitude todo o ano! ¿non si? ¡Que bo sería deixar as guerras de lado,  deixar de masacrar a seres inocentes! Agora mesmo pensando na chamada franxa de Gaza onde o pobo palestino está acurralado a mercé de cruentos bombardeos, e nunha Ucraína invadida morrendo tamén moitos inocentes, non é nin moito menos doado cavilar na celebración do Nadal coa mensaxe edulcorada, non exenta de certa hipocrisía, de paz, amor e felicidade, a non ser que apliquemos aquilo de ollos que non ven, corazón que non sinte, por moito que nos movamos baixo un manto de luces de cores.


Así que neste Nada luminescente coa utopía aló ao lonxe, coma todas as utopías, vaia o meu desexo de liberdade, igualdade e fraternidade cun afectuoso saúdo.

Nadal luminescente

Te puede interesar