O Nadal e as “Fake News”

O das “fake news” non che é cousa de agora: sempre andaron campando polos seus respectos a través da historia e algunhas, a forza de repetilas, remataron creando tendencia de credibilidade nos destinatarios que non chegaron (chegamos) a cuestionar ata que punto o relatado podía ser certo. E o Nadal tampouco se librou destas novas adulteradas.


Para comezar, diremos que non hai constancia histórica na data do natalicio de Xesús que a tradición establece nun 25 de decembro. Foi esta unha data imposta, intencional por conveniencia, en tempo do emperador Constantino cando este “legaliza” o cristianismo. Hai escritos que falan que cando naceu Xesús os pastores tiñan as ovellas no monte, cousa que non era posible en pleno inverno. Tamén especifican que Xesús nacera 4 ou 6 anos antes da morte de Herodes “o Grande”, o que significaría que arestora estariamos no ano 2031. Estes escritos son coñecidos como apócrifos, rexeitados pola oficialidade da Igrexa nos que se fala de aspectos relacionados coa vida de Xesús que non figuran nas escritas canónicas, que son as oficiais, as que a igrexa da por certas. Os apócrifos veñen encher os silencios dos textos bíblicos. Neles tamén se di que Xosé casou con María estando viúvo e que era xa un home maior, un ancián, mentres que María podía ter 14 ou 16 anos, idade común para unha “muller casadeira” na tradición xudía daquel tempo. Din tamén que Xosé achega a este matrimonio catro fillos e dúas fillas. Figura nas escritas apócrifas que Xosé estivo a piques de repudiar a María cando se decatou de que estaba embarazada, pois este tiña unha idade impropia para a procreación e o seu cabreo foi monumental. “Fake news”? A saber. O que si se sabe é que no relato bíblico figura a idade de María entre 14 e 16 anos e a de Xosé nuns 32, idades nas que unha parella pode ter fillos sen necesidade da intervención do Espírito Santo. En fin, que como vemos son cuestións e feitos contados segundo cadraba e que á hora de botar man deles para crear a lenda que más tarde se montou facía falta andar con moito tino. Nisto, os artífices desta historia tiveron exquisito  coidado; tanto, que a versión canónica se transmitiu perante máis de 2.000 anos practicamente sen discusión; pequenos retoques sen importancia, pero permaneceu fiel aos intereses que se perseguían dende un principio.


Se repasamos as escritas apócrifas e as canónicas, en cales cren vostedes que hai máis “fake news”? Eu creo que nas apócrifas hai máis verosimilitudes, máis relatos que se achegan ao humano en detrimento do sobrenatural. Pero a historia case sempre non é como foi senón como nola contan. E nesas estamos.

O Nadal e as “Fake News”

Te puede interesar