De feito este mundo de nós sempre andou algo revolto pero, nestes últimos anos a cousa vai en aumento. Que é o que está a pasar? Dende o 2019, ano no que comenzou a pandemia, non deixan de emerxer calamidades que nos aflixen.
Anque semella que a gravidade diminuíu bastante, a Pandemia, Coronavirus ou Covid 19 segue presente. O máis sorprendente é que aínda hoxe non se coñece a súa orixe con exactitude, nin sequera o xeito de combatela, agás máscaras, illamentos e corentenas. O que si está moi claro é que non podemos baixar a garda porque en calquera momento pode xurdir de novo con toda a súa forza. A pesares dos millóns de contaxios e de miles de mortos en todo o mundo, a estas alturas, non existe unha vacina cen por cen eficaz.
O volcán da Cumbre Vella na illa canaria da Palma amolounos aos españois durante meses. Tras oitenta días expulsando toneladas de lava, a erupción deuse por finalizada anque, segundo os expertos, a dia de hoxe, o volcán, nin morto nin durmido, segue vivo. Os resultados desastrosos para a illa, afortunadamente sen vítimas mortais directas, pero con perdas materiais valoradas en preto de 900M de euros, con centos de vivendas e estruturas varias arrasadas pola forza destrutora do magma no seu imparable camiñar ata o mar.
A nivel mundial, polas consecuencias que poida carrexar, desencadease unha guerra coa invasión rusa de Ucrania. Xa teño escrito nesta sección as miñas impresións polo resultado e as súas posibles derivadas. Non serei eu quen defenda a Vladimir Putin, pero si teño que dicir que unha cousa e falar deste home e outra moi distinta demonizar a todo o pobo ruso. As novas que nos chegan a través dos medios so proceden dos EEUU e da UE, unha das partes en conflito. Para poder xulgar con ecuanimidade habería que coñecer asemade as razóns da outra parte. As que non teñen xustificación ningunha son as atrocidades que se están cometendo imputables a Putin e aos que o manteñen no cabalo, que un ditador non se sostén, sabémolo ben sen apoios pero, insisto nin a Rusia nin ao seu sufrido pobo, moito máis próximo a nós, e non so xeograficamente, que o americano.
Por se fora pouco todo o anterior, estamos a sufrir estes días no noso país, unha folga salvaxe dos medios de transporte que está poñendo en perigo os abastecementos da industria e do comercio con risco dun colapso total do sistema. De feito, por poñer un exemplo, a central térmica das Pontes de Gª Rodriguez parou a súa produción hai dous días por falta de combustible. O resultado tradúcese en perdas económicas para todo cristo.
A economía, o meirande motor que move o mundo, é a gran prexudicada ao mesmo tempo que responsable da fame, do paro, da suba dos prezos, da perda de postos de traballo e como remate causa principal de moitas guerras arredor do mundo.
Dun ou doutro xeito o mundo está cada vez máis revolto. Non sei cal pode ser a próxima calamidade pero temos a obriga de estar sempre atentos e preparados, (Ad utrunque paratus), para combater calquera desgracia que , polo que se ve, pode xurdir en calquera momento.