E se fora certo que escribimos porque non nos gusta o mundo e buscamos un xeito de transformar a realidade? Iso é o que din da literatura, cuestión que tamén está na orixe do propio xornalismo. Incluso, moito antes de inventarse a escritura, pintábamos historias nas cavernas. Saramago así o cría.
Teño a frustración de non saber das conversas deste co ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Na obra do Nobel portugués, “O ano da morte de Ricardo Leis” acaba coa frase “aquí onde o mar acabou e a terra espera”. Esta podería ser perfectamente unha referencia á nosa cidade. A virtude da literatura está na súa capacidade de transformar os lugares e ás persoas comúns en personaxes literarios. Así, dicía José Saramago, en referencia ao seu avó, que o home máis sabio que el tivera coñecido non sabía ler nin escribir. Pero el e todas as persoas reais que tiña coñecido eran os seus mestres de vida.
A lectura transforma o noso mundo interior, fainos libres. Talvez por iso siga sendo estraño levar un libro ou un xornal nas mans, convertendo este simple acto nun feito revolucionario. Son dos que, igual que o portugués, pensa que ademais das conversas das mulleres, son os soños os que sosteñen ao mundo na súa órbita.