O mundo multipolar xa chegou

Tanto Rusia como China non son un exemplo de democracia, mais tampouco se pode dicir que o sexan os Estados Unidos (tanto Biden como Trump obedecen a intereses corporativos), e a Unión Europea está dirixida por persoas non electas, afastadas da sociedade. Estas últimas ademais teñen unha historia ateigada de intervencións no exterior que non se pode obviar, e non precisamente con países fronteirizos, que nalgúns casos podería ter algunha xustificación. 


Estas contradicións internas e externas non deixan de medrar, por exemplo no caso de Francia, onde cada vez son máis os países da chamada “África-francofona” que esixen que se marchen as tropas francesas que foron a “garantir a paz” e na práctica aumentaron a inestabilidade. A isto se suma no interno a contestación social contra a imposición de modificacións regresivas no sistema de pensións, a precariedade e o crecemento da desigualdade social. 


O caso de Francia estendese a outros países “centrais” que baixo a protección USA, aceptando un carácter subalterno, xogaban un papel subimperialista, que lles reporta beneficios na cadea de valor. Mais, a confrontación con Rusia e China está poñendo en cuestión este reparto de papeis, mesmo as alianzas tradicionais,. Ademais a conxelación dos activos rusos e as sancións fan dubidar das garantías dos depósitos e do papel no futuro daqueles aliados de segunda liña que poden verse atinxidos por este tipo de agresións, como sería o caso dos exportadores de petróleo e gas. 


Aínda que hoxe a confrontación principal está centrada entre os Estados Unidos e aliados con China e Rusia, como potencias emerxentes, con todo o que isto implica no eido económico, militar, a nivel financeiro e das redes de comercio exterior, ao mesmo tempo están crecendo as contradicións internas no actual bloque hexemónico, e aumentando o papel das potencias rexionais (India, Iran, Brasil, Turquía, México, Arabia Saudí...) que se afastan da dependencia... sumando novas nacións a esta postura. 


Polo tanto, Washington e aliados non o teñen doado nesta etapa para illar a China e Rusia (máis Iran, Cuba, Venezuela, etc) e impedir así que Pequin se constitúa na primeira potencia e Moscova consolide seu poderío militar. O avance cara un mundo multipolar hoxe é unha realidade en comparanza con hai unha década. Esta é a tendencia dominante aínda que non sexa definitiva, xa que cada día hai máis nacións nesta dinámica, e o sistema está cuestionado en todos os aspectos. Isto é o que se fortalece, para alén de cales sexan os obxectivos de USA e a UE, Rusia e China. 

O mundo multipolar xa chegou

Te puede interesar