Dez anos despois do seu pasamento, o Kiosco Alfonso e Palexco acollen unha ampla mostra de Xaime Cabanas ( A Coruña, 1953-2013), que, segundo o comisario Carlos Pita,. non pretende ser unha retrospectiva, senon un percorrido aberto que recolle principalmente obras da súa etapa de madurez. Esta pode situarse a partir de 1987, cando, tras sufrir un grave accidente, pasa por unha crise persoal que o levará a se enfrontar cos grandes misterios da vida e da morte e tamén a se achegar ás raices telúricas de noso. Aquel rapaz rebelde de Montealto que formou parte dos grupos A Carón, Sisga, A Galga, deixou a súa pegada inconfundible na movida coruñesa dos anos 70, cunha obra provocadora, chea de interrogantes, para os que precisaba crear un novo código plástico, o que certamente conqueriu. Así, pois, podemos afirmar que aínda que asimilou conceptos renovadores da pintura matérica, da signica, da xestual, da arte povera, do tachismo, mesmo do minimalismo, e incluso outros máis clásicos que o achegan aos contrastes do tenebrismo barroco, creou unha linguaxe absolutamente persoal que leva o seu selo inconfundible. A súa é a obra dunha mente inqueridora que contempla a vida con estupor e desacougo, que sinte que a condición humana leva aparellado o oficio de preguntar case sempre sen achar respostas, por eso aparece aberta ás suxerencias e aos espazos de soedade e de silencio que se traducen nese sentimento tan de noso, como é a saudade. O instinto tanático e a loita eterna, ese pathos do que tanto souberon os artistas do barroco, é visible en cadros como “Calavera e coroa” ,”Veracruz” ( 2000) e “Mulleres orzanas”, do que hai varias versións, unha en cores de 1990 e outra do 2000, totalmente en negro, nas que duas criaturas híbridas, entre serpe, peixe e muller retórcense enguedelladas nunha loita terrible; esta obra, especialmente a escura, expresa todo o patetismo que é inherente á vida. Unha característica importante da súa linguaxe é a procura do esencial que atinxe por medio do diálogo entre amplos e liminais espazos baleiros e a presenza esquemática de formas e signos que adquiren carácter simbólico: corazóns, escaleiras, pirámides, aspas, cruces, caveiras, raspas de peixes, etc; son presenzas desacougantes cheas de extrañeza que establecen un xogo de correspondencias entre o visible e o invisible, entre a realidade aparencial percibida polo ollo e as operacións secretas que se verifican no interior da mente.Cabanas é un artista poliédrico que o mesmo nos pode devolver a tactilidade das cousas da vida cotidiana, en bodegóns como “A pitanza”, como nos achegar aos lindeiros do descoñecido alén; un fermoso exemplo desto é o sintético cadro “A finca” de 2007, no que todo é negra noite con tan só un estreito carreiriño de branca luz, na que se perfila un pequeno arboriño e unha senlleira casa. Pintor de raza, reflectiu as antinomias da existencia, creou unha inconfundible cosmogonía que lle adviña tanto da reflexión como dende os ámbitos fronteirizos do seu propio ser.