Nn atopei no noso dicionario ningunha palabra correspondente coa frase de “Ferrol Mola”, se ben teño a idea de que quere significar que Ferrol é unha cidade alegre, acolledora, liberal, moderna e non sei eu cantas cousas máis, que seguramente serán os significados que a xente moza lle apoña. En troques si que aparece a palabra Amolar, que , ademais de afiar, quere significar fastidiar, molestar ou importunar, acepcións todas tres que poderíanse perfectamente aplicar á nosa cidade, ou máis ben ao Concello de Ferrol. E como exemplo do moito que o Concello de Ferrol amola, aí están toda unha serie de asociacións veciñais, rurais e urbanas , ou as numerosas “plataformas” reclamando dereitos, protestando por abusos, estafas e non sei cantas cousas máis. É dicir, que a iso de “Ferrol Mola” habería que lle engadir “pero o Concello Amola”. Certo que algúns dos moitos problemas veñen de antigo, pero certo tamén que a clase política ferrolá, agás escasos e honrosos exemplos, non se esforzaron en amañar tantas trapalladas, así que, semella que non merecerían nin sequera estar representando aos veciños da aldeiña máis remota do país. Con todo o respecto para aqueles veciños, claro.