Esta poesía da nosa Rosalía é sen dúbida unha das máis coñecidas do seu amplo repertorio, pois foi cantada e recitada en numerosas ocasións. A súa importancia radica no profundo sentimento presente na alma do ser humano, sempre aflixida por algunha pena ou doenza atribuídas a un fatal maleficio e que, de xeito xeral ataca a todo o mundo, con distinta intensidade. Eu, por exemplo, sufro a miña particular “negra sombra”, por culpa do Concello de Ferrol, que ven asombrando a miña vida, xa desde antes do meu nacemento, pois por culpa deste Concello, estiven condenado a morte antes de nacer. Daquela miña nai salvouse por estar embarazada, pero a pouco, sinalados os meus pais como “roxos”, foron expulsados da casa e do cargo de funcionario que meu pai gañara en concurso - oposición. Con eles saín eu, o que supuxo o meu desafiuzamento, antes de ter cumprido un ano de idade. Ese foi o comezo dunha vida sempre baixo a sombra espesa e escura do Concello de Ferrol e os mandamais de turno ... A expulsión do meu pai supuxo un período de penuria, pois ninguén se atrevía a darlle traballo a un home “marcado”.