O meu encontro cos Sabandeños

Hai uns días andei polo arquipélago canario, polas illas de Tenerife e A Gomera, dando satisfacción a miña curiosidade e compartindo algún intre co ferrolán Xosé Andrés que vive a cabalo entre as illas e a península, e xa amigo, ao que atopei fortuitamente.


Andamos unha mañanciña chuviñosa, tal coma se en Galiza estivésemos, pola fermosa cidade de La Laguna onde atopamos a “Casa dos Sabandeños” no mesmo centro da que fora outrora capital do arquipélago ata 1883. El coñecía a “Suso”, membro do senlleiro grupo canario, e sen dilación entramos no inmoble onde fomos recibidos con exquisita cordialidade. Ali teñen “Os Sabandeños” o seu local de ensaio e atesouran todas as súas lembranzas (discos, publicacións, carteis e instrumentos). O Suso naquel intre non estaba pero a encargada da Casa foi excelente anfitriona e nola mostrou palmo a palmo. De súpeto desapareceu e ao cabo volveu coa “manta esperancera” que ven ser a capa que lucen os integrantes do grupo no escenario. Esta era a pertencente a Elfidio Alonso Quijano, o único supervivinte dos 18 compoñentes que fundaron a agrupación aló polo ano 1966. Hoxe este home conta con 87 anos e segue a subir aos escenarios, así que para min foi unha honra vestires por un intre a súa capa e fotografarme con ela. Ao pouco apareceu o Suso, alto e moi delgado, case un representante daqueles bereberes que dende o norte de África chegaron as illas hai como dous mil anos e que logo chamaron “guanches”. Agasalloume co derradeiro traballo discográfico do grupo titulado “Ellas” dedicado as mulleres que compuxeron e cantaron, e co DVD “Sabanda” no que se reflicte e destaca a labor deste grupo canario na conservación e difusión da música popular. En xusta correspondencia quedei en enviarlle algunha canción popular miña como lembranza tamén do noso encontro na súa “casa”.


Os “Sabandeños” neceran na localidade de Punta del Hidalgo,unha vila ao norte da illa de Tenerife que eu visitara noutra ocasión e na que fiquei de novo desta volta. Alí teñen un monumento co gallo de perpetuar a memoria deste colectivo que tanto fixo e fai a prol da música pupular e xa que logo da cultura da súa terra. Pero non só abordan música tradicional que é o xermolo dos seus orixes senón que teñen a ben faceren versións de cancións actuais de cantautores canarios como Pedro Guerra ou Caco Senates e tamén foráneos como Cecilia (en “Ellas” hai unha versión de “Desde que tú te has ido”) E o caso é que o fan cunha absoluta dignidade e respecto, como bos músicos que son. Foi esta visita aos “Sabandeños” como a guinda que puxo colofón a unha viaxe xa de por si atractiva a aquelas illas atlánticas que nos ofrecen máis espectativas que as relacionadas co turismo do que a maioría da xente vive. Volverei.

O meu encontro cos Sabandeños

Te puede interesar