Mellor sen fumes

Hai unhas semanas, na homenaxe da Asociación Fuco Buxán a Rafael Pillado –da que, no seu día, falei nesta columna– batín con Alfonso Lage, amigo de vello de anos escolares e outras vainas. Había ao redor dun ano que non nos viamos e falando de saúde –tema case inevitable cando se ten unha idade septuaxenaria, que é o noso caso– conteille dos problemas cos que ando a pelexar, todos derivados do consumo do tabaco, dependencia da que me afastei hai máis de vinte anos. Comentábame que, afortunadamente, el nunca fumara. A razón? Sendo pequeno, fora conminado a fumar por uns rapaces máis grandes e a inhalación do fume sentáralle tan mal que nunca máis quixo repetir a experiencia. Sorte que tivo.


A mesma que un meu curmá, José María Paz, oito anos máis novo, ao que meu irmá e máis eu lle pasamos un cigarro que o puxo a tusir de tal xeito que non o esqueceu na vida. Tanto é así que lle teño escoitado, unhas cantas veces, contar o agradecemento que nos ten por contribuír de xeito decisivo a fuxir do hábito de fumar. O anoxo do momento acabou converténdose en tremenda gratitude.


Eu non tiven esa sorte de que as primeiras experiencias co tabaco me sentasen mal –nin sequera as lembro– e, por iso, caín nas gadoupas dunha adición –das máis nocivas, sen dúbida–que, máis tarde ou máis cedo, acaba por pasar factura. Souben deixalo, mais non foi suficientemente a tempo.


Cando xa levaba algúns anos sen fumar detectáronme un tumor maligno nunha das cordas vocais, que, por vía de extirpación, desapareceu. Iso si, deixándome reducida a potencia vocal. Non puiden volver cantar.


A inhalación do fume de tabaco produciume tamén problemas circulatorios, manifestados en dificultades para camiñar e en se converteren en factor de risco nunha eventual operación.


A maiores, nos últimos meses detectáronme dous tumores malignos –un no pulmón e outro no esófago–, froito tamén do pasado de fumador activo, ademais de pasivo. Afortunadamente, son bastantes incipientes  e confío en que a ciencia acabe con eles.


Se antes –desde que me habituei a non fumar– me molestaba o fume, agora xa non é só que me moleste, pois tamén me preocupa respiralo. Por iso son totalmente partidario da aprobación, hai un par de días, do PIT, o Plan Integral de Prevención do Tabaquismo. É unha evidencia, sen posible discusión, que fumar mata. Aos que fuman e, en menor medida, aos que están perto dos fumadores. É por iso que hai que evitar que se fume en espazos públicos moi frecuentados, como poden ser terrazas, praias, parques, paseos ou, mesmo, rúas moi transitadas. Respirar o ar máis puro posible é un dereito que non se pode restrinxir en aras de intereses de ningún tipo. Por iso non entendo esas prevencións do Partido Popular. Está claro que o en espazos como os que acabo de citar o fume molesta e hai que impedir a súa presenza. Sobra individualismo e falta ben común.


Con todo, aínda hai algunha xente que respecta a liberdade dos outros. Pouco antes de me poñer a escribir estas liñas, baixei tomar un café a unha terraza –esas que proliferan como os niños de vésperas velutinas– e ao pouco de me sentar, un señor, que estaba a uns metros de distancia, preguntoume se me molestaba que fumase, algo que non me acontecía desde non recordo cando.

Mellor sen fumes

Te puede interesar