O mellor goberno de Galicia

A historia da Xunta de Galicia, que en parte é tamén a nosa das últimas catro décadas, pode resumirse nun concepto: o fraguismo. Sexa na versión piloto de Fernández Albor, na posmoderna de Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, ou na purista do propio Fraga Iribarne, esa corrente é a que gobernou o país de forma electa en 35 dos 41 anos da institución. Un éxito indiscutible. A esquerda só ocupou San Caetano de forma fugaz co bipartito 2005-2009, que quedou por baixo das expectativas a pesar dalgún encomiable proxecto. E tamén co que tal vez sexa o único goberno galego que propuxo un modelo diferente para a nosa autonomía: o tripartito que presidiu Fernando González Laxe, inxustamente esquecido, apenas reivindicado, e que cumpre nestas semanas 35 anos desde a súa investidura. 
 

Foron só dous anos, entre 1987 e 1989, os dun gabinete nacido dunha moción de censura marcada polo transfuguismo –daquela legal– do popular Barreiro Rivas e formado por socialistas e nacionalistas de centro e centro-esquerda, por iso se lle chamou tripartito (PSOE, CG E PNG). A pesar do escaso período de tempo que tivo foi capaz de cambiar o marco cultural da política autonómica, de forma pasaxeira pero brillante. 
 

Explícome. Se algo define o autogoberno galego -a dereitas e tamén moito a esquerdas- é o seu contexto sentimental e tradicionalista (e por iso híper-concentrado en Compostela). Políticamente, a Xunta sempre actuou nesa clave, de inspiración rural e desconfiada das grandes cidades, que acabaron creando sistemas propios (Francisco Vázquez ou Abel Caballero) en boa medida reaxindo contra ese escenario. Tamén é ese marco cultural conservador o que explica porque se vota distinto nas galegas e nas locais ou xerais. Só en Vigo e na Coruña, a esquerda perde arredor de 40.000 votos nas autonómicas a respecto da media de municipais e españolas. Hai desconexión entre eses votantes e o campo de xogo do auto-goberno. 
 

Pero malia ese marco tradicionalista, Galicia é a todos os efectos unha sociedade máis da Europa occidental, un país urbano. Xa se encamiñaba cara iso nos anos do tripartito de González Laxe, o único goberno galego que puxo o foco da súa xestión nas cidades, o único que situou o discurso da economía galega por diante do dos afectos antropolóxicos, o único que entendeu que non se debía condensar un país en Santiago. Durou pouco –o ciclón Fraga derrotouno nas urnas con polémica no voto emigrante e a pesar do magnífico resultado socialista– pero deixou pegada en fitos como a creación das universidades de Coruña e Vigo, o nacemento do Sergas ou a ordenación do río Miño en Ourense. Tamén o Pazo da Ópera herculino. 
 

En clave progresista, ese goberno non foi superado. Por desgraza, case ninguén o lembra. Pero a mensaxe que lanzou está máis vixente que nunca: Galicia é modernidade, non unha corredoira ancestral.

O mellor goberno de Galicia

Te puede interesar