Ruy Mauro Marini é moi descoñecido en Europa, aínda que fixo aportes sobre a interdependencia entre opresión e explotación, polo que seus libros e artigos teñen un grande interese para os países que teñen un papel subordinado, dependente. Adrián Sotelo, profesor da Universidade Autónoma de México dinos que “A teoría marxista da dependencia, por medio de Marini e doutros autores como Andre Gunder Frank, Vania Bambirra, Orlando Caputo, etc, artellou a dialéctica e a teoría de Marx nunha visión global que puña espida as profundas contradicións do modo capitalista de produción” vistas desde a periferia.
Marini naceu en Brasil no ano 1932 e morreu nese país en 1997. As súas aportacións teóricas, a partires dunha razoada análise da realidade e problemas prácticos en Brasil, Chile, Cuba e outros países, son unha reflexión lucida e unha actualización necesaria para construír unha alternativa progresista nos estados dependentes, neocoloniais, ou para aqueles que carecen de estado proprio ou de capacidade de decisión real sobre as cuestións estratéxicas (como Galiza). A súa é unha contribución ao pensamento e ao debate moi necesaria hoxe, cando a confusión e a fragmentación reina nunha boa parte da esquerda. A súa obra insírenos na ligazón estreita que existe nesta etapa entre clase social e soberanía nacional, entre poder político e economía.
Afirma Marini en Dialéctica da Dependencia: “O simple feito de que unhas nacións produzan bens que as demais non producen, ou que non poden facer coa mesma facilidade, permite ás primeiras que eludan a lei do valor, é dicir, que vendan os produtos a prezos superiores ao seu valor, configurando un intercambio desigual (...) as nacións desfavorecidas polo intercambio desigual non procuran tanto corrixir o desequilibrio entre prezos e valor das súas mercadorías exportadas (o que implicaría un esforzo redobrado para aumentar a capacidade produtiva do traballo) senón que compensan as perdas de ingresos xerados polo comercio internacional a través dunha maior explotación da clase traballadora”
Entre os libros e ensaios que Marini publicou podemos salientar: “Capitalismo”, “Dialéctica da dependencia”, “Subdesenvolvemento e Revolución”, “O ciclo do capital na economía dependente”, “Acumulación capitalista mundial e subimperialismo”, etc. Este escritor marxista ten predica na América Latina, especialmente no seu país natal, Brasil, mais tamén en Chile e México, estados nos que estivo exiliado despois do golpe militar que impuxo a ditadura do marechal Castello Branco.