De mares e outras cousas

Aqueles que temos a fortuna de compartir vida e horizonte co mar, sabemos que poucas cousas teñen o valor terapéutico dun solpor intenso, arroupado por un silencio denso, contemplando o cíclico deambular das mareas. Deterse na meditación pausada, onde todo devala en arco escaso, permite baleirar, pausadamente, o exceso das cousas innecesarias, que acaban por incrustarse na nosa mente cada día. Unha terraza ou un banco no paseo marítimo, invitan á reflexión contemplativa das cousas que pasan e que, ás veces, deixan en nós friaxes e feridas.  O mar activa cada un dos nosos sentidos. Acompañado de sons relaxantes, aromas de iodo e sal e texturas de area mínima que acaba por asomar por todas partes, rebaixa a tensión acumulada e eleva as doses de empatía. Somos seres cargados de rutinas, que soñamos firmamentos amplos e ansiamos futuros mellores. Precisamos saber, estar ao día, coñecer e ter posición sobre cada cousa de interese que sucede. Queremos formar parte de grupos cos que compartir fins ou métodos ou expectativas. E imos recibindo os impactos coa intensidade que o noso ánimo marca cada día. Afrontamos as derivas e as enfermidades contra prognostico, coa esperanza firme da milagre. Calamos as fraxilidades e os diversos medos que sentimos de non estar á altura da esixencia, agardando que a fortuna nos sexa favorable. Ollar o mar ten o efecto balsámico de curarte a alma. Unha especie de sincronía harmónica que arrola, abriga e adormece. Soñarte e sentirte fronte a este  mar calmado dos invernos, proxecta emocións máis nítidas e que chegan máis lonxe. Din  que levamos o mar na nosa fala, e non lles falta razón, e ata na articulación emocional  das nosas vidas, nas relativización consciente das cousas que suceden, hai sempre amplas trazas de mar. 
 

Sentirte é unha concreción irisada de nácar; unha secuencia imposible de utopía. Vivirte é unha arquitrabada arquitectura de sentidos...

De mares e outras cousas

Te puede interesar