Haberá como oito ou nove anos, voltando dunha estadía de ferias da chamada Semana Santa na Costa Caparica, paramos a xantar en Famalicão e Isabel pensou que, dado que estabamos nas terras orixinarias do instrumento, podiamos mirar de comprar o cavaquinho que desde había un tempo -pouco- tiña pensado regalarme. Dito e feito. Pasei a ser propietario dun deses cordófonos saído da fábrica bracarense de António Pinto Carvalho.
Daquela nada sabía da existencia desa fábrica, ubicada na freguesía de Celeirós, nin da tenda de música que ten ao pé da Sé da cidade de Braga, que adoito visitar sempre que ando por alí.
O trato atento e amable da xente que a atende -propietario incluído cando anda de visita- fan dela un sitio moi recomendable para comprar bos instrumentos de corda de moitas partes do mundo, ou simplemente para velos.
O caso foi que me fixen posuidor dun bonito aparello que non era quen de tocar.
Fixen varios intentos, que resultaron vans, mais, como di un refrán portugués, “Água mole em pedra dura, tanto bate até que fura” e chegou o día -hai nada- en que conseguín arrancarlle algo identificable ás cordas do meu cavaquinho. No verán do 78 estiven mes e medio en Lisboa para facer un curso de portugués para estranxeiros na Faculdade de Letras, no Campo Grande capitalino. Unha noite, tomando algo nun bar do bairro de Alcântara, ao pé do último dos pilares en terra da ponte 25 de abril, o grupiño de sete galegos que estabamos estudando portugués entablamos conversa cuns rapaces que moraban na zona e estaban tamén no local. Como os establecementos pechaban, mercamos bebida, foron buscar unha guitarra e aló marchamos para os campos que hai ao carón do Padrão dos Descobrimentos, na zona de Belém. Os mozos aqueles eran mozambicanos retornados, que estaban a vivir unha complicada situación. Eran nenos ben, fillos de ricos desposuídos. Por un lado, tiveran que deixar Mozambique para que non os matasen, como fillos de colonos brancos que eran, e, polo outro, os portugueses tampouco os trataban moi ben polo mesmo motivo, seren fillos de opresores dos africanos. Malia esa súa procedencia, non recordo que cantasen nada do folclore africano e si do miñoto.
De feito o único tema que recordo desa noite é “Ó Malhão”, canción que descoñecía e aprendín e cantei alí mesmo:
“Ó Malhão, Malhão / Que vida é a tua? / Ó Malhão, Malhão / Que vida é a tua? / Comer e beber, ai tirim-tim-tim / Passear na rua / Comer e beber, ai tirim-tim-tim / Passear na rua // Ó Malhão, Malhão, / Quem te deu as botas? / Ó Malhão, Malhão / Quem te deu as botas? / Foi o caxeirinho, ai tirim-tim-tim / O das pernas tortas! / Foi o caxeirinho, ai tirim-tim-tim / O das pernas tortas! // Ó Malhão, Malhão / Quem te deu as meias? / Ó Malhão, Malhão / Quem te deu as meias? / Foi o caixerinho, ai tirim-tim-tim / O das pernas feias! / Foi o caixerinho, ai tirim-tim-tim / O das pernas feias!”.
Como gusto moito dela, me trae bos recordos da mocidade e tócase moito con cavaquinho é a primeira que decidín aprender.
E nesas ando: Do Do Do Si Sol / Si Si Si Sol Do...