O lume devastador

Cando chega o verán aparece o lume devastador, algo que tomamos como cousa normal, como algo inevitábel pero que poderíamos paliar sen lugar a dúbida. A nosa terra acubilla moitos lumes por esta época, e malia que é cousa sabida pouco ou case nada faise para controlaren esta praga que asola nosos montes. É coma un pesadelo un ano tralo outro.
 

Sabido é que hai moito pirómano por aí solto, moito tolo que sinte pracer ao contemplar o espectáculo das lumieiras por el provocadas. Tamén moitos intereses creados ao derredor do lume, e como non un estado lamentable da nosa masa forestal que está abandonada a súa sorte esperando unha e outra vez a chegada das chamas. Este é o panorama e o que toca vivir sen que se vexa unha actuación decidida que poña freo a este desastre. 
 

É relativamente doado botarlle a culpa ás tormentas secas, aos raios que prenden o lume no monte, pero si en certa medida isto é verdade non é menos certo que detrás de todo isto está a man do ser humano, e ten que ser este quen poña remedio ao desleixo institucionalizado. Culpable é quen prende o lume e tamén quen nada fai para evitalo. Botarlle a culpa ao Sol e a climatoloxía é moi socorrido pero pouco críbel. 
 

Un investigador do CSIC manifestou que posiblemente este será o verán mais fresco dos que nos tocará viviren de aquí en adiante, así que fronte a este vaticinio xa podemos prepararmos para o peor. Ninguén con cordura discute a evidencia do cambio climático e a responsabilidade que os seres humanos temos 

nesta alteración.
 

Octavio Paz, premio Nobel e polemista feroz, chegou a dicir unha vez que o Sol remataría coa Terra e teríamos que mudarmos a outro planeta. Oxalá estivese errado pero a maioría dos seus textos resultaron proféticos. E non é que o Sol estea empeñado en rematar coa Terra, non: el segue no seu sitio insuflando vida a este grao de area que frota na inmensidade do universo. Somos nós os que impedimos que o Sol faga ben o seu traballo poñendo paus na roda, crendo que a apocalipses tardará en chegar sen que nos afecte directamente a catástrofe dicindo: a min que me rexistren e que se apañen os que veñan detrás!  
Pero a realidade é que estes días arderon aldeas na nosa terra e moita xente quedou sen fogar: perderon todo o que representaba a súa vida e terán que comezaren de cero. Todo fíxose volátil, fume.
 

E non se pode caer no desleixo, na inanición, diante de todo isto porque temos máis do mesmo ano tras ano. O mirar para outro lado forma parte deses outros incendios que non arden pero... queiman.

O lume devastador

Te puede interesar