A Asociación Alexandre Bóveda, que dirixe con extraordinaria i exitosa dedicación María Xosé Bravo, ofrece unha mostra de pintura de Luis Mourenza (A Coruña, 1974), un artista fundamentalmente autodidacta, que inicia a súa andaina expositiva en 2016, ano en que tamén empeza estudos na Escola Pablo Picasso.
A exposición leva por título ‘Extrañas froitas’, unha metáfora que leva a meditar que todas aquelas imaxes que recoñecemos como habituais ou ordinarias, tanto si se trata de persoas que nos rodean como de lugares ou cousas, agochan segredos e ángulos descoñecidos e mostran apariencias dispares. A iso hai que engadir o imaxinario do propio artista e o seu xeito de mirar que depende dos ángulos de enfoque e de aspectos psicolóxicos do momento. Así, aínda aquelas cousas máis próximas poden aparecer, de pronto, baixo un ángulo novedoso ou tinguidas pola estrañeza, mostrando aspectos que antes non foran vistos. Hai unha realidade escondida ou ‘Entre bambalinas’, como nos revela a obra do mesmo título, que se agocha detrás do telón do teatro da vida.
A tarefa do artista é a de erguer ese telón i encher o escenario coas súas invencións. Como dí David Carballal “...a ficción e a realidade comparten o mesmo lado do espello”. Esta visión de Mourenza pode calificarse de expresionista, pois, xa sexa por medio do debuxo a lápiz, das soltas manchas de acuarela ou de acrílico, achéganos persoaxes e paisaxes transfigurados por unha visión que quere ir alén do ilusorio, para expresar a emoción interior; de maneira que a figura representada aparece transfigurada pola extrañeza, pola maxia do que se adiviña detrás da apariencia. Un exemplo notorio é o seu autorretrato, cuxas cálidas carnacións en tonos vermellos e o xesto inquisitivo da ollada que semella mirar para o alén falan dun “incendiario” desconcerto que se agocha no espíritu do pintor. Cando pinta animais, sexan buitres, canciños ou un lobo, achega tamén esa ollada empática que fai de toda vida un drama común.
Hai obras de gran delicadeza, preferentemente protagonizadas por figuras femininas, como ‘La pianista’, ‘Chica con gato’, ‘En la playa’, tamén o da fermosa xoven rubia, enmarcada contra unha mancha gris, que sostén unha taza de café na man, ou a que representa a François Hardy tocando a guitarra e a titulada ‘Según Degas’, que ten por protagonista unha bailarina de ballet clásico facendo un paso de danza. Singular é o debuxo a tinta dun xoven Marlon Brando e o seu autorretrato de 2024, feito en augadas de acuarela de evanescentes azul e rosa.
En ‘Anónimo veneciano’ pinta dúas mans, contra un fondo de tons terrosos, tocando un instrumento de vento. A obra ‘Misterio’, que en blanco e negro mostra unha porta que da acceso a un espazo escondido, testemuña da atracción que sente Mourenza por todo ese mundo que está máis alá dos ollos e que a fonte primixenia da imaxinación. ‘Cita no mar’, que representa en azuis unha xigantesca ola, pon o colofón atlántico-cósmico a este seu mundo.