A lista máis votada

A proposta do PP de que governe a lista máis votada nas institucións, o que exixiría unha modificación da normativa, aínda que a primeira vista semelle unha proposta lóxica, cando un partido obtén máis representantes que todos os demais, non é así cando se aplica mecanicamente para dar todo o poder a unha minoría. Ou sexa, a contradición está cando o partido máis votado non atinxe a representación suficiente como para governar en solitario e elude o apoio doutros partidos, e pactar un programa de consenso que conte co aval da maioría. Unha práctica habitual, especialmente nos concellos con máis povoación, onde o voto está máis fragmentado e hai unha vida política máis activa. Forzando unha maioría artificiosa a maior parte da povoación veríase privada da súa participación en moitas medidas tomadas na institución (da que se trate). Cando non se ten á maioría absoluta, ben por falta de votos ou por carecer de pactos con outras forzas, só desposuíndo á maioría do povo da súa representación lexitima é posíbel garantir que governe en solitario o partido máis votado de todos que na práctica son minoría. 
 

A proposta do PP restaría atribucións á maioría do electorado da institución (ao que hai que sumar a abstención), ademais se o voto está moi fragmentado o governo podería ser exercido por un partido que só sumase o 30% dos votos ou menos, e cun segundo a unha distancia de moi poucos votos e mesmo contando cun maior apoio de terceiros partidos. Ou sexa, afondaríase nas contradición. En poucas palabras daríanse pasos para afastar aínda máis a unha parte dos/das votantes das urnas, unha tendencia que vai a máis dende a globalización neoliberal, porque un amplo sector, especialmente na mocidade, por magoa coida que nen os partidos nen as institucións os representan. 
 

O realmente democrático sería ir no sentido contrario á proposta do PP. Por exemplo, que a representación en todas as eleccións sexa estritamente proporcional (a Lei de Hont favorece aos partidos sistémicos), que o chanzo mínimo se rebaixe ao 3% dos votos emitidos, e que nas eleccións xerais e autonómicas o distrito electoral sexa a autonomía e nacionalidade, dándolle cando menos neste tema valor ao Estado das Autonomías. Rematar coa distorsión electoral pola que un deputado/a vale máis votos nalgunhas provincias que noutras. Xa que un trato axeitado debe responder a criterios de igualdade, solidariedade e de valorar a importancia do equilibrio territorial. Ou sexa, dun modelo económico e social xusto e democrático.

A lista máis votada

Te puede interesar