Os límites do crecemento

Van alá cincuenta anos; si, medio século xa, da publicación dunha obra de reflexión tan mítica como pouco considerada nas súas conclusións: Os límites do crecemento. Un estudo, sen precedentes, encargado polo Club de Roma, en 1972, a un equipo de investigadores e científicos do americano MIT co obxectivo de facer unha proxección a cen anos vista, facendo uso para iso de modelos matemáticos e de dinámica de sistemas a partir da utilización de cálculos informáticos, avaliando trece escenarios para humanidade, daquela futuros, partindo da análise da interacción calculada con diferentes variables, co eixo das mesmas fundamentado no crecemento da poboación mundial e, daquela tamén, o consecuente incremento da pegada ecolóxica asociado ás actividades humanas; e dicir, a produción de alimentos, consumo de recursos, polucións, clima e outros máis.
 

A primeira conclusión do estudo foi categórica: O planeta Terra ten límites físicos infranqueables. Non é posible un crecemento económico e material infinito, de xeito exponencial, nun mundo con límites finitos. A segunda conclusión leva en si un recado; se os modelos de crecemento, daquel entón, mantiñan as súas tendencias, a capacidade de carga do sistema finalmente excederíase, alcanzando os límites nalgún momento dentro dos cen anos posteriores á publicación do informe, ao cabo da cal, sobreviría o colapso da sociedade, cunha caída abrupta tanto da poboación como do benestar das xentes. Aínda así, lonxe de augurar unha apocalipse sen salvación, o documento abría portas de esperanza, con opcións que mostraban a posibilidade de estabilizar o sistema e permitir o desenvolvemento sostido no tempo das modernas sociedades. Porén, para que eses escenarios prevalecesen, remarcábase a necesidade dunha innovación social urxente e profunda a través do cambio tecnolóxico, cultural e institucional, co fin de evitar o incremento da pegada ecolóxica que conducise a un punto de non retorno. Mais, predícame cura, predícame frade, por un ouvido entra e por outro sae. Nada ou pouco caso se fixo ás conclusión científicas; á razón lóxica.
 

A día de hoxe, nesta orbe occidental do planeta, cunha inflación descontrolada, superior ao dez por cento, guerra nas beiras territoriais, crise enerxética cada vez máis grave, emerxencia climática coa propagación de ondas de calor máis potentes e cedas, incendios devastadores do patrimonio forestal, pandemias víricas de alcance universal,  retroceso nos dereitos sociais e persoais e múltiples formas de inxustiza e desigualdade; o panorama constata as advertencias: Estamos nun limitado espazo territorial, a Terra, e queda pouco tempo para enfrontar o choque con ese muro.

Os límites do crecemento

Te puede interesar