Día de Nadal. Cantas lembranzas deste día, de neno, de mozo, de maior e agora de vello. Reunións familiares que enchían a casa de contos, de risas e de cancións dos maiores e, do balbordo dos pequenos. Tiña razón aquel que dixo que, lembrar era volver a vivir. E non hai mágoa pensar naqueles que xa se foron, porque os recordamos felices e contentos. Mais cando pasen estes días de ledicia atoparémonos de súpeto coa triste realidade que lles trae o baleiro aos que se atopan sós ou en familias reducidas. E a algún pobre vello ocorreráselle pensar o porqué da ledicia polo nacemento dun neno, sabendo que cada nacemento trae aparellada unha sentencia de morte. Pero matinando no tema, poderá maxinar que todo é un camiño sen final e que uns se van para que outros veñan a percorrer ese camiño, abrindo paso para os que veñan atrás, como un relevo sen fin. Ou sexa, que cando todo acaba, todo comeza. E sendo así, alegrémonos cada vez que chegue un neno. Ou unha nena, non sexa o demo que se nos enfaden as feministas…