Lembrando un camarada e amigo

 Afigura dun home maduro, con rostro curtido polo traballo, cun pito pendurado nunha das comisuras da boca, sentado coa perna colgando nunha das varas, xusto diante da caixa da carga dun carro de catro rodas tirado por un cabalo é unha imaxe que recordo ben, porque acompañou boa parte da miña infancia. Téñoa visto subindo ou baixando da estación do tren, cando eu ía ou voltaba do Instituto, ou baixando pola rúa Magdalena -onde eu moraba- desde a Praza de España, ou circulando por tantos lugares da cidade. Daquela, finais dos anos cincuenta e comezos dos sesenta, o carro, tirado por animais ou por persoas -aquelas mulleres coñecidas como mandadeiras-, seguía sendo o medio máis habitual de transporte de mercancías. Os carros que levaban as barras de xeo, saídas da fábrica do porto, para o mercado -quen vía frigoríficos?- son os primeiros que vin e recordo, o natural para quen, coma min, naceu e pasou a súa primeira infancia na rúa do Socorro. Mais foi o carreteiro citado o que ficou máis nitidamente fixado na miña memoria. Se cadra polo ar de orgullo operario que poñía de manifesto. Ou tal vez porque vivía naquel Bertón, ao pé da rúa Nova de Caranza, un territorio pouco construído no que adoitaba xogar nas épocas vacacionais dos meus 11, 12 ou 13 anos. Poucos anos despois souben que viña sendo o pai dos Díaz, dous deles destacados militantes antifranquistas.

 

O pasado martes chegou a mala nova da morte de Suso Díaz, para min, que levaba un tempo sen ter noticias del, inesperada. O 10 de marzo do ano pasado, ao final da manifestación, atopeino e botamos unha ben longa parrafada sobre diferentes cousas. Entre outras, contoume que lle extirparan a parte tumoral do pulmón e que se atopaba realmente ben. De feito, por un amigo común, souben que foran uns días a Lisboa para participar nos actos conmemorativos do 25 de abril, onde fixera gala do seu habitual talante vitalista. Moi vitalista. E sempre disposto para o que fixera falta. Á parte de por outras cousas e causas, coñecino ben no ano 2007, cando ambos formamos parte da candidatura de Esquerda Unida ao Concello de Oleiros. Nalgunha das xornadas electorais traballamos na súa vivenda de Santa Cruz, onde descubrín a súa impresionante discoteca de jazz, alén da doutros estilos musicais. Era, sen dúbida, un melómano. Sindicalista activo desde os tempos do sindicato vertical e da fundación das Comisións Obreiras en Galicia -sería o seu Secretario Xeral entre 1988 e 2000- tamén participou na vida política como militante do PCG e de Esquerda Unida. Velaí están para testemuñalo as detencións, as multas, a cadea... Por estas e outras cousas, vistas e vividas, que, sen dúbida, contribuíron a enriquecer o meu pensamento e a mostrarme que me movía no lado correcto da historia, nestas liñas quero deixar público testemuño da admiración, simpatía, amizade e cariño que lle tiña a Suso Díaz, e, como non, enviarlles unha fonda aperta aos fillos, particularmente a Yolanda.

 

Hai un par de días, no xantar de comezos de verán, que adoitamos ter un heterxéneo grupiño de persoas con máis de 50 anos de amizade, saiu o tema da perda de amigos que estabamos tendo nos últimos meses, unha realidade contra a que nada podemos facer, máis aló que recordalos co afecto que lles tivemos en vida.

Lembrando un camarada e amigo

Te puede interesar