Aqueles cans doentes que amedrentaban aos nenos e aos maiores dos lugares afastados, xa non existen. Pola contra, agora moita xente ten ao cadelo como mascota ou, incluso, como se fose un más da familia, un primo, un neto ou o irmán predilecto. Tamén hai quen ten o can para que lle axude nos labores de pastoreo. Son cans moi ben coidados e moi ben tratados, limpos, mantidos e aloumiñados, que pasan a vida ao carón do amo e do gando, especialmente, das ovellas, dos carneiros e das cabras do amo.
Entre os máis valorados está o can ovelleiro, de estatura mediana e de intelixencia superior á de moitos outros cans. Os cans desta raza, ao parecer, establecen un vínculo moi forte cos outros animais aos que coidan, xerando neles unha extraordinaria confianza e obediencia absoluta.
Alí no Alto da Serra, as ovellas pacían e movíanse tranquilamente diante da atenta mirada do cadeliño que advertía sen reparos a presenza de calquera, propio ou estraño. No arredor estaban deitados e atentos ao que pasaba ou podía pasar, outros cans de raza grande, Mouro e Romeiro, dous mastíns corpulentos, capaces de comer ao lobo.
Os mastíns tamén teñen fama de seren intelixentes e de gardar ben ao rabaño. Son comedores e cariñosos, fan verdade daquel vello refrán, “os cans e os nenos van a onde lles dan cariño”. E entre eles tamén se queren e se entenden. Romeiro, cos seus trece anos xunto ás ovellas, aquela tarde non quixo ir
para casa e quedouse só no monte, para sufrir en solitario o mal da morte.
Os outros dous cans levaron as ovellas para á corte e volveron inmediatamente para a Serra. Alí pasaron a noite con Romeiro, caladiños e coas súas cabezas pousadas na barriga branda e baldeira daquel outro can amigo e leal compañeiro. Ao romper o día foron buscar as ovellas e deitáronse outra vez xunto a Romeiro, ao que aloumiñaron seguido naqueles seus últimos dous días.
Extraordinario! Despois dun profundo suspiro e xa co can morto, Mouro permaneceu vixiante ao lado do finado, o pequeno e áxil ovelleiro foise correndo á casa chamar ao amo. Os homes e as mulleres do lugar repasaron aquela lección, outra das que lles ensinaran os animais, a propia natureza e a vida. Con máis ou menos intelixencia, a bondade e o respecto dos cadelos está fóra de tódalas dúbidas. Como di a Tía Manuela, atentos ao valor da discreción, “sábeno case todo e todo calan”.