Póñome a escribir estas liñas cun tremendo cansazo. Por veces, Viajar es muy difícil como titulou unha súa obra a escritora catalana Nuria Amat. E hoxe foi un deses días.
Erguínme ás 6 da mañá para apañar un taxi en Torremolinos que me levase ao aeroporto de Málaga para coller o avión con destino a Santiago. Xa saín canso do hotel, porque ao madrugón se lle sumou o feito de non ter podido durmir aló moi ben, por mor dun lixeiro arrefriado que me atascaba as fosas nasais.
O aeroporto de Málaga é grande, o cuarto en volume de pasaxeiros do Estado, e ten como unha das súas principais características, algo moi común ultimamente nas instalacións aeroportuarias, o derroche de espazo. Centos e centos de metros cadrados que non teñen a máis mínima utilidade. Eu non lla vexo por ningures. Semella pura estética, mesmo discutible. Iso implica que os desprazamentos a dependencias que se adoitan usar –poñamos por caso os lavabos– se fagan interminables, situación agravada pola ausencia de cintas rolantes e pola escaseza de sitios para sentar, aditamentos ambos que as persoas con certos problemas de mobilidade, como é o meu caso, tanto botamos en falta. Cando atopo edificios así todo me leva a pensar que os seus deseñadores deben ser atletas consumados, pois doutro xeito non se explica. Tanto estudar para iso?
Despois dun cómodo voo, aterrei en Lavacolla e aí empezou a seguinte fase da viaxe. Como non estaba disposto a pagar o diñeiral que me supuña deixar o carro no estacionamento do aeroporto, malia ser sabedor dos líos do regreso –porque a magnífica amiga que me levou non ía poder traerme de volta–, optei por non levar auto.
É evidente que nestas datas, máxime despois de variadas restricións, un amplo número de persoas, como é o meu caso, nos decidísemos a dar unha volta por aí para desconectar da cotiandade. Mais, como é posible que un aeroporto como o de Santiago poida esgotar a súa oferta de prazas de estacionamento a prezos “razoables”? Trátase, máis que probablemente, dunha manobra máis de espremer os petos dos cidadáns.
Todo está pensado para iso. Visto o visto, un bo número de viaxeiros optou por deixar os autos daquela maneira e o resultado foi que foron sancionados. Posiblemente porque incumprían as normas, mais é xusto? Diría que non. O concello de Santiago se quere promocionar o seu aeroporto debería tomar certas cartas nese asunto.
Como eu escollín a alternativa do transporte colectivo, despois doutra cumprida camiñata por outro aeroporto sen cintas rolantes e escasos asentos tomei un bus ata a estación do ferrocarril, agora, rimbombantemente, denominada intermodal. Cal non sería a miña sorpresa cando o autobús me deixou ao final da rúa Fernando III en vez de na porta da estación, como a sensatez di.
E, ala, outra camiñatiña ata o edificio sen atopar un mal banco onde pousar o cu. En fin. Esas cousas do progreso e da modernidade moderna.
Afortunadamente, o comboio Avant chegou en hora e en sesenta minutos de cómoda viaxe pousei na Coruña. Logo, nun taxi, conseguín chegar á casa ás 2 da tarde. Derreado.