Todo indica que a intervención de Rusia na Ucraína, ademais dos custes en vidas humanas e a destrución de infraestruturas (tamén no Dombás dende hai anos por parte de Kiev), terá unha forte incidencia na economía e no emprego do mundo, xa que se suma a pandemia. Nos Estados Unidos xa sa prevé un PIB cero no primeiro trimestre, e aumento do paro. Na UE dise que as consecuencias da guerra e das sancións poden eliminar o impacto positivo que se esperaba dos fundos Next Generation. Así o recoñecía Pedro Sánchez cando hai uns días dicía que “As medidas van ter un custo e van esixir sacrificios, porque as sancións contra Rusia repercutirán na economía das familias e nos produtos básicos”.
Sendo así, non se entende porque o Estado español, a UE, non fan un maior esforzo a prol da paz. As reclamacións fundamentais de Rusia semellan lóxicas, máxime cando a soberanía non pode implicar poñer en perigo a outro país e negar a pluralidade. Ou sexa, a saída e tan doada como que Kiev non entre na OTAN e recoñecer a autonomía de Donetsk e Lugansk. Armar á Ucraína non fai máis que alongar a guerra e causar a súa destrución, e a intervención directa da OTAN sería unha guerra nuclear. A negociación é a única alternativa. A soberanía nacional non se pode facer valer só cando interesa a unha das partes e sobre un tema determinado, véxanse os casos de Iraq, Afganistán, Iemen, Siria,... ou de Kosovo. Hai distinta vara de medir.
Ante todo non se pode obviar que os custes desta guerra son tan grandes porque a globalización neoliberal ligou de tal xeito a economía do mundo que a cadea produtiva é cada vez máis longa, co que isto implica. Lembrémonos dos efectos sobre o comercio do enbarrancamento dun barco na canle de Suez. Ademais, tanto Rusia como a Ucraína teñen un papel destacado na produción de materias primas e algúns bens industriais. Estes efectos negativos tamén foron evidentes na pandemia do covid-19, e pódense repetir en calquera momento por un desastre (sanitario, ecolóxico, accidente, guerra, bloqueo...).
En poucas palabras, cómpre dar marcha atrás na globalización neoliberal, xa que daría máis seguridade á humanidade, reduciría a mobilidade en beneficio do clima, e permitiría un mellor reparto da riqueza ao achegar ao povo as estruturas de poder, que cada vez están máis afastadas da sociedade. E sobre todo frearía o expansionismo imperialista. Isto implica un mundo multipolar, solidariedade, xustiza social, dereito á autodeterminación dos povos, poñer en valor a diversidade, individual, e cultural e lingüística.