Os máis novos non saberán de que falo, os da miña quinta seguro que si. Pasou nun programa de televisión de Mercedes Milá, nos anos 90. Foi un momento viral cando aínda non existía tal cousa. A presentadora entrevistaba ao escritor Francisco Umbral, e dado que lle facía preguntas sobre calquera tema, este, incómodo, berrou: “Yo he venido aquí a hablar de mi libro!!!”. Pois iso vou facer eu agora. Abusando da confianza que me outorga a boa xente desta casa, vou falar do meu libro, que sae a semana que vén. Chámase ‘Galicia Reducida’, co intrigante subtítulo de ‘Crítica ao marco conservador e centralista do autogoberno galego”. Publícao Edicións Morgante. O mércores estará en librarías, e se lles interesan as movidas que conto aquí cada sábado, seguro que lles pode prestar. Proben, que peor sería que me poñese a roubar.
De que fala ‘Galicia Reducida’? Pois, como o nome indica, trátase dunha reflexión de case 200 páxinas sobre o que somos e como nos contamos; intenta referirse ao que é Galicia desde unha perspectiva política, desde o galeguismo progresista. A tese que defendo -nada novo para os improbables seguidores constantes desta columna que levo tempo escribindo- indica que o noso país está sometido a un marco reducionista, que segue pensando que somos unha comunidade rural, afastada, tráxica e limitada. Esa imaxe, que conta con vellos alicerces, pouco ten que ver coa realidade, xa que Galicia é agora mesmo plenamente urbana, exitosa, innovadora e potencial. E iso que funciona a medio gas por culpa do abrumador dominio da dereita nas eleccións autonómicas, algo que non ocorre en municipais e xerais.
No meu libro, ese que estou promocionando aquí con total descaro e desvergoña, facemos ver que o relato do país está incompleto, que aínda se pensa que os principais motores de Galicia -A Coruña e Vigo- son malgalicios, polo tanto lugares a expulsar da galeguidade “auténtica”, un concepto totalmente reaccionario. E, así pasou o que pasou; que as dúas grandes cidades, as que máis loitaron pola autonomía, tiveron que montarse uns modelos locais propios (discutibles pero exitosos): os de Vázquez antes e Caballero agora, ante a evidencia de que a autonomía deixounas de lado, á vez que concentraba a súa actividade e imaxe en Compostela, a gran beneficiada dun autogoberno que naceu buscando proximidade pero que agora está moi lonxe de significar iso.
Na esquerda, demasiadas veces, tamén se acode a ese marco tradicionalista, o que acaba sendo un tiro no pé. Mais non. Galicia ten unha identidade a coidar, pero non debe vivir no pasado, reducirse. Este país tamén é innovación e dinamismo. Como dixo González Mariñas no Parlamento en 1982, defendendo o modernismo coruñés como guía de futuro para Galicia: “Basta de romanticismo”. En efecto, o progresismo é mellor.
Dixen que isto o desenvolvo a fondo nun libro que sae esta semana?