Galicia, un proxecto colectivo

Cando as follas do calendario chegan por fin ao 25 de xullo, todos celebramos o noso día. Inundamos os xornais e as redes con definicións e reflexións sobre Galicia: celebramos a identidade dun pobo teimudo e solidario, soñamos unha terra mellor e pioneira e lembramos os que antes de nós construíron esta casa. Todas as interpretacións, todas elas, son certas e acaídas porque vivimos nunha terra aberta e porque usamos unhas definicións especiais: unhas que non delimitan, máis ben ao contrario, saltan lindes e fronteiras.
 

Podemos dicir sen equivocarnos que a Galicia de hoxe é moderna, verde, solidaria, integradora. A Galicia de hoxe é futuro porque ten un pasado e érguese alta nos ombreiros de todas as vontades dos que nos precederon. A Galicia de hoxe é a semente dunha Galicia de mañá que está chamada a superar todo o que soñamos.
 

Todo iso podemos dicilo hoxe grazas aos galegos e galegas que, durante tantos anos, imaxinaron cada día esta terra mentres suaban traballando a leira, mentres se botaban ao mar ou mentres construían Galicia, tamén desde latitudes distantes. O galego é un pobo que tivo que facer fronte a numerosas probas ao longo da súa historia. Oxalá non tivese sido así, pero o certo é que todos os obstáculos que tivemos que afrontar nos esculpiron como pobo resistente, prudente e sensato. Hai quen quererá atopar falla nestas virtudes porque hai quen segue sen entender que resistente non é sinónimo de conformista, prudente non é contrario de valoroso e na sensatez é onde atopamos firmeza para o avance.
 

Hoxe volvemos afrontar tempos complexos. Vimos de padecer unha pandemia sen practicamente precedentes históricos, que nos parou o reloxo, que nos roubou seres queridos e que chegou para mudalo todo. E precisamente agora que recuperabamos esa ansiada normalidade, apoiados no sentidiño, unha nova dificultade volve chamar ás portas. Se nestes dous últimos anos nos familiarizamos todos con conceptos como variantes, ondas  ou tipos de vacinas, agora non deixamos de falar de inflación, suba de prezos ou crise de subministracións.
 

Pero, como ben saben os entendidos nestas lides, a mellor forma de emprender un camiño que se presenta cheo de incertezas é prepararse, previr e tecer unha rede de apoio. Porque afronta mellor o futuro unha comunidade saneada, coas súas contas en orde para poder axudar a quen o precise; unha terra con proxectos de futuro, solventes e innovadores que, xunto co impulso dos fondos europeos, sirvan de panca de avance; e un Goberno que traballe cun extra de responsabilidade, esforzo e consenso, eses valores tan galegos que vertebraron a construción da nosa autonomía ao longo destes anos. Nesta terra temos as leccións aprendidas e sabemos que tempos así requiren de nós a máis alta esixencia. Darémola, porque os galegos non coñecemos outro xeito de afrontar os obstáculos.
 

Pero, sobre todo, farémolo xuntos. Esta Galicia aberta, integradora e solidaria está hoxe así de unida porque nunca deixou ninguén atrás, nin fóra. Sempre soubemos converter a nosa terra nun fogar acolledor para todos: para os que aquí vivimos, para os que marcharon e queren volver, e para os que veñen buscando unha nova casa. 
 

Este 25 de xullo -e todos os días do ano- sabemos que este pobo resistente e inconformista, prudente e valoroso, sensato e audaz fará o que fai sempre: coller impulso e avanzar.

Galicia, un proxecto colectivo

Te puede interesar