Reviso as mensaxes que conservo dun bo amigo de anos andados, tan, ou case, futboleiro coma min, e vexo que foi ás catro da tarde do 23 de novembro cando me enviou a primeira misiva cibernética relacionada co campeonato do mundo de seleccións que xa anda nos últimos suspiros. “Final: Alemania 1 Xapón 2!!”, dicíame. “Non estou seguindo o mundial”, respondín. Sorprendido, sen dúbida, polo meu desapego do que estaba a acontecer en Qatar, escribiu: “Cooogno, e iso?”. A miña lacónica resposta foi: “É que dá noxo”. Contestou co emoticono da man co matapiollos cara arriba -signo de asentimento-, matizado coa frase “Pero football is football”. Pensei -aínda que non o escribín-: “xa gustaría de que así fose, mais non hai tal”. Mudamos de asunto para rematar a conversa cun “Seguiremos conversando”. E así foi, pois ás sete da tarde recibin outra súa mensaxe: “Costa Morta 0 España 7”, resultado, que, como no caso anterior, descoñecía. Como non vira o partido, pouco ou nada nos tiñamos que dicir.
Aínda que nunca fun moito dos campionatos de seleccións -de feito, na miña vida fun a un recinto deportivo para ver un partido dese formato, de ningún deporte- seguín máis ou menos de cerca os campionatos europeos e mundiais de fútbol desde o de Chile de 1962, este, evidentemente, por radio e prensa, que, nesa altura, a televisión aínda non chegara a este noso confín fisterrán. Os meus recordos dinme que todos eses torneos, en maior ou menor medida, se viron afectados por algún asunto alleo ao estritamente deportivo, pois iso, no que tanto insisten as autoridades de todo tipo, de que hai que separar a política do deporte non é máis que unha das infinitas falsidades que nos acompañan na vida diaria; nin sequera chega a ser un desideratum, que xa sería algo. Porque o que realmente se pretende é afastar o deporte de todo o que supoña manifestacións de reclamo de políticas sociais. Trátase de manter o statu quo. A dirixencia do mundo do fútbol –como a dos outros deportes– adoita estar en mans tremendamente reaccionarias, xentes que non están a favor de cambio ningún que poida poñer minimamente en risco os seus intereses. O demais non importa. As celebracións en España da final da copa de Europa de nacións de 1964 ou en Arxentina da do mundo de 1978 non tiveron como finalidade dar aspecto de normalidade ás sanguinarias ditaduras de ambos os estados? Iso non era política? E o de Qatar? Mírese por onde se mire, non é unha absoluta vergoña? Desde as escravistas condicións de traballo dos que construíron as instalacións ata as ameazas de sanción aos capitáns das seleccións que portasen brazaletes co arco da vella en solidariedade cos colectivos LGTBI, pasando por unha chea de actitudes sumisas nada honrosas, na miña opinión.
Ese conxunto de actuacións, que van contra os meus principios, leváronme a pasar do mundial, aínda que debo recoñecer que non levei a silenciosa e persoal protesta ata as últimas consecuencias e acabei vendo, parcial ou totalmente, algún que outro partido. Incluso é posible que chegue a ver a final.