O fútbol cheira a podre

Eo fétido arrecendo provén da Real Federación Española  sen que ata o de agora ninguén fose quen de lle facer unha limpeza a fondo. Aquel bico roubado polo que fora cabeza visible desa cova de Alibabá chamada Real Federación é  cousa nimia en comparanza co que se pode extraer dos sotos de dita entidade, asuntos tan escandalosos capaces de poñeren patas arriba o fútbol deste país chamado España. E o cheirume chegou nidio ás nosas pituitarias cando a Garda Civil irrompeu na sede da Federación a rexistrar papeis que puidesen descubrir fraudes e ilegalidades varias co resultado de cinco detidos que poden ser sete porque hai orde de detención para Rubiales, que leva meses na República Dominicana e non precisamente en tempo de folganza, xunto a un amigo ex futbolista. Nada máis poñan pé no aeroporto de volta a casa serán detidos pola Garda Civil. Investíganse casos de contratos e comisións ilegais, cousa da que xa ía sendo hora. A saber o lixo que sairá de aí.


Todo isto debera levarnos a reflexionar sobre as mans nas que está o fútbol e se paga a pena seguirmos comungando con rodas de muíño como, por exemplo, esa de levar perante un período de seis anos a Supercopa de España a Arabia Saudita, país, como sabemos, paladín na defensa dos dereitos humanos, malia que iso ben pouco importa diante do cheiro a diñeiro ao que van algúns lanzados como moscas á bosteira, non só futbolistas, eh! E aí foi o Piqué ex xogador do Barcelona e agora dedicado aos seus negocios que, malia non pertencer á Federación, algo tería que dicir ao ser intermediario nesa fraude que se montaron para que a final a catro a xoguen sempre en Riad con importantes comisións a cambio, claro, tomando á afección como puros babecos. El e Rubiales son os promotores da nova versión de pan e circo na que sempre se moveu o fútbol: a parte grande do molete do pan para eles, claro, e o circo para quen, sentados nas bancadas ou fronte a pantalla do televisor e dabondo obnubilados, non reparemos moito nas fraudes e enganos varios aos que nos somete esta xente sen escrúpulos. E un pensa se a condición do ser humano se basea na ambición desmedida empregando neste empeño todos os truques ao alcance da man, incluídos o cinismo e a total falta de ética. Todo se compra e se vende e para estes negocios sobran os escrúpulos. España, xunto con Marrocos e Portugal, vai organizar o Mundial de 2030. En Riazor din que van abordar unha remodelación do estadio que vai rondar os noventa millóns de euros. Para que? Para ampliar a capacidade a 40.000 persoas? O sentido común dinos que... que é o que nos di? Pensémolo. 

O fútbol cheira a podre

Te puede interesar