Aos meus moitos anos, gústame profundar nos recordos daqueles tempos da posguerra incivil, onde todo era cutre e escuro. Axudado polas fotografías que teño á vista nun cadro pendurado na parede do meu sancta sanctorum, como gusto de chamar ao meu cuarto de traballo onde paso longas horas. Unha constante nos meus recordos é o que se refire a aqueles inesquecibles tempos do bacharelato. Estudei, aínda que non moito desgraciadamente, no Instituto Concepción Arenal de Ferrol, nos anos 40-50 do século pasado.
Como non recordar a aqueles magníficos compañeiros cos que compartín tantas cousas, os mesmos que foron despois amigos para sempre. Penso que xa lles teño dedicado un apunte nesta sección de opinión que me brinda o Diario de Ferrol.
Tampouco podo esquecer a aquel excelente cadro de profesores que, con gran esforzo e dedicación, trataban de prepararnos para a vida que tiñamos por diante. Entre eles quero destacar hoxe a Don José Naya (1917-2008), catedrático de matemáticas, disciplina que el explicaba perfectamente. Tiña entre nós sona de “hueso” que era como definiamos entón a un home tan serio que “non se casaba con ninguén.”
Remexendo en Internet atopo un pequeno bosquexo onde se fala da súa afección á musica. De feito seica foi fundador e presidente honorario da Sociedade Filarmónica Ferrolá. Do que non se di nada, é da súa dedicación a ensinanza, súa principal actividade, á que dedicou toda a vida.
Ven isto a conto porque estou a reler un magnifico e interesante libro titulado Ferrolanos (2018) escrito por Guillermo Llorca Freire onde o autor fala de centos de ferroláns que destacaron en moi diversas actividades ao longo de centos de anos. Llorca Freire estudou no Concepción Arenal onde logo foi profesor.
Pois ben o que teño que dicir é que nesta escolma de ferroláns de sona, non figura Don José Naya ao que boto de menos porque, ao meu xuízo, fixo méritos dabondo para elo durante máis de medio século dedicado a ensinanza. Estará incluído neses inxustamente esquecidos que di o autor no seu prologo?
Non é a miña intención provocar polémica algunha, soamente manifestar a miña estrañeza.
Eu, pola miña parte dedícolle, dende estas liñas, un moi grato recordo.