O ferrol dividido

Non lembro quen foi o que dixo –e semella que con moita razón– que Ferrol era unha cidade moi especial, marcada pola circunstancia de ser o lugar do nacemento de dous dos personaxes máis importantes da época na que nos tocou vivir: Pablo Iglesias e Francisco Franco. Estes dous homes eran tan dispares, que coido que non tiñan en común nada máis que o seu lugar de nacemento. O acusado contraste entre estas dúas figuras da Historia de España, seguramente foi decisivo para a división da sociedade ferrolá en dous bandos irreconciliables, división que agora parece algo atenuada, pero que a principios do século XX, poderíamos definir parodiando a don Antonio Machado e imitando aqueles versos seus, como: “ferrolaniño que ves ao mundo, gárdete Deus; un dos dous ferroliños xearache o corazón”. Para a xente moza, poderá parecer unha esaxeración, porque non coñeceron a nosa cidade cando ao longo de case todo o século pasado, a poboación estaba  repartida en dous bandos: por unha parte o estamento militar, os funcionarios e o comercio importante e, pola outra, os obreiros do Naval, (os lefres), e calquera outro tipo de traballadores manuais. Esta división facíase patente nos paseos, e nos comercios e locais de ocio, como bares ou cines. Lembro que nestes últimos, habíaos con varias clases de localidades de diferentes prezos, que eran o xeito máis eficaz de separar aos pobres da “xente fina”. Que tempos!! digo eu. E, “que tempos” dirán vostedes.Ou non é?

O ferrol dividido

Te puede interesar