Seica falta man de obra no noso país segundo a patronal, malia que na Galiza temos un 11% de persoas desempregadas, e hai unha porcentaxe importante que non contabiliza como parado/a por distintas circunstancias, por exemplo, por ser fixo-discontinuo malia estar neste intre sen ocupación. Dise que hai pleno emprego cun paro estrutural do 3-4%, non é caso da nosa nación, triplicamos esa porcentaxe e ademais todos os anos varios miles de persoas emigran a outras partes do Estado español ou da UE, e mesmo algunhas fano por temporada, evidenciando que hai máis oferta que demanda.
O problema de fondo é que moitos empregos que se ofertan teñen uns salarios e unhas condicións laborais que non resultan atractivos ou fan requirimentos irrealizábeis pola inmensa maioría das persoas desempregadas, mesmo aquelas que están en situación máis difícil. A proposta da patronal e de economistas, favorábeis ao capital, é importar milleiros de inmigrantes que cubra este hipotético déficit, que seica seria maior nos vindeiros anos, coa creación de 15.000 postos de traballo polos investimentos ligados aos fundos europeos. Ou sexa, obvia que os/as inmigrantes que hoxe viven na Galiza teñen unha alta taxa de paro, uns ingresos inferiores á media, polo que destacan como colectivo nos índices de pobreza.
Por se non abondase faise esta proposta nun intre no que o medre da economía está en retroceso, e o vindeiro ano mesmo pode estar en números vermellos, co que isto implica en termos de xeración de emprego. Aínda que o sector público teña que aumentar o cadro de persoal, moi especialmente na sanidade. En todo caso, se hoxe e no futuro hai sectores que medran e outros que minguan na súa actividade produtiva, haberá que desenvolver planos específicos para formar aos/as desocupados.
O que non se pode admitir é que se pretenda fomentar o aumento da man de obra de reserva coa escusa de que falta persoal, sen aportar información contrastada que indique un atranco para a economía. Daquela que, cos datos de desemprego e traballo a tempo parcial actuais, o único obxectivo semella ser o de aumentar a man de obra de reserva para debilitar as reivindicacións da clase traballadora e aumentar os beneficios. Non parece casual que esta ofensiva patronal se realice en momentos de forte mobilización laboral para recuperar salarios (diante dunha inflación desorbitada) e mellorar as condicións laborais, condicionando así os beneficios extras dunha parte da patronal por causa da crise, e garantíndolle a toda ela que os custes serán asumidos pola clase traballadora.