A esmorga

Estamos no tempo das esmorgas grandes cuxas actividades están centralizadas na evasión, no desconectar, en deixar atrás os problemas pisando un pouco máis o acelerador sen reparar moito no freo. Isto é unha válvula de escape onde o nobre e o vilán bailan e dánse a man sen importarlles a facha, como dí Joan Manuel Serrat na súa famosa canción “Fiesta”. Nesta ocasión as esmorgas á esgalla coinciden cunhas eleccións xerais que non forman parte, a verdade sexa dita, do programa festivo, e nas que os contendentes non están pola labor de darse a man así sen máis nin máis e si por disparar na caseta de tiro do campo da feira con escopetas manipuladas a ver quen saca máis puntos. Pero vaiamos á esmorga.

 

Xa non é o que era, evidentemente, e isto non quer dicir que calquera tempo pasado fose mellor porque non é certo. Un pode ver aquelas esmorgas con certa nostalxia pero o tempo pasa e con el a nosa mocidade tamén, e a mocidade daquela non é a de hoxe malia que en certos aspectos non cambiara moito a cousa. Cambiou por exemplo en que a xente xa non baila nas verbenas ao son da música dunha orquestra de cinco ou seis membros subidos nun palco de madeira pero tocando en directo, eh! Hoxe as empresas do sector montan grandes escenarios, chamativas coreografías, robots que cambian a cor das luces segundo o ritmo da música e lanzan fumes a distro e sinistro convertendo todo nunha representación visual coa música en segundo plano case coma no Circo do Sol. Hai un numeroso grupo de seareiros que van detrás destas orquestras “espectáculo” alá por onde se moven. Algunha destas formacións “musicais” botan man de son pregravado porque o mesmo así o require a función, en fin. O que non cambiaron foron certos hábitos que seguen aí como parte esencial da esmorga, como por exemplo asumir que a diversión pase inexorablemente por beber o que nos está escrito ata perder o control ou para esquecer as penas, como dicía o libreto da famosa zarzuela o que soe ser un obxectivo para moitos e moitas. E un dos síntomas da perda de control é observar a mozos e mozas mexando pola rúa sen recato algún como sucedeu, segundo dixéronme (eu non estiven) na pasada “Festa do Polbo” da miña vila converteda ao final nun macro botellón. Son “maneiras de vivir” como dicía o noso rokeiro “Rosendo”.

 

Pero logo do tempo pasado marcado pola prisión preventiva dun confinamento provocado por unha pandemia devastadora, a xente está ávida de esmorga, do contacto directo, de bailar pegados, de deixar por un intre a un lado os problemas que nos atribulan malia que despois as cousas volvan a estar como estaban logo de desmontar os tiovivos, o palco da música, os coches de choque e estoupar o último foguete. Seguerán a aflixirnos os temas non resoltos logo do 23J?. Xa veremos, e se non veña máis esmorga e viva o viño!

 

 

A esmorga

Te puede interesar