Encadeados aos algoritmos

A adicción ás pantallas, incluíndo as redes sociais, videoxogos e Internet, pode ter múltiples consecuencias negativas na vida dunha persoa. O uso excesivo e compulsivo destas tecnoloxías pode levar a un illamento social, onde os individuos prefiren as interaccións virtuais en detrimento das conexións humanas reais. Isto pode resultar nunha deterioración das habilidades sociais e unha diminución na calidade das relacións persoais. Ademais, a adicción ás pantallas a miúdo conduce á neglixencia de responsabilidades diarias e obrigacións, afectando ao rendemento académico ou laboral. A dependencia dixital pode chegar a ser tan extrema que a persoa remata por ser incapaz de realizar actividades sen o uso de tecnoloxía, incrementando o risco de problemas de saúde mental, casos da ansiedade ou depresión. Os nenos e adolescentes son particularmente vulnerables para estes efectos, xa que o seu cerebro aínda está en desenvolvemento e o uso excesivo de pantallas pode impactar negativamente no seu crecemento e no seu desenvolvemento mental. É importante recoñecer os signos de adicción ás pantallas e buscar estratexias efectivas para manexar o uso da tecnoloxía e fomentar un equilibrio saudable na vida diaria. Con todo, non é só cousa das e dos afectados. No asunto existe outra responsabilidade, á das institucións políticas representativas da cidadanía que deben promover normas legais de protección fronte ao negocio.


Estudos recentes deixan claro que as aplicacións que están de moda, con moitos millóns de usuarios, están deseñadas para crear adicción en calquera persoa, por moitas habilidades sociais que o individuo teña, por moitos límites que lle poñan en casa ou por moi ben amoblada que se teña a cabeza pensante. Xa non basta con apelar ao autocontrol do usuario, estamos a falar de produtos fabricados para crearnos dependencia. Droga dura para un cerebro en desenvolvemento por máis que se cualifiquen “outras adiccións non tóxicas” en Saúde Mental. Certo é  que non hai disciplina propia que poida vencer os trucos da industria tecnolóxica, impulsados por exércitos de deseñadores e psicólogos para manternos pegados á pantalla. Se non se actúa agora, isto vai ter un impacto moi grave na saúde mental e no desenvolvemento cerebral das xeracións vindeiras.


Por iso, meses atrás, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución que “convida” á Comisión Europea a “propoñer, cando sexa necesario, lexislación contra o deseño aditivo”. Nela, sinálase que “certas plataformas e outras compañías tecnolóxicas explotan vulnerabilidades psicolóxicas das persoas para deseñar interfaces con intereses comerciais que maximizan a frecuencia e duración da visita de cada usuario”. Boa falta fai. Aprema ceibar a cadea aditiva dos algoritmos.

Encadeados aos algoritmos

Te puede interesar