O pasado venres día 20 cumpriuse o segundo aniversario do pasamento de don Xosé Deus, un senlleiro veciño da vila de Mugardos que co seu traballo deixou unha significativa pegada no que concirne á construción e botadura de grandes buques dende unha grada inclinada. Nunca un barco como aquel “Arteaga” de 323.000 toneladas, xa hai disto máis de cincuenta anos, fora botado ao mar desta maneira. O cálculo da elasticidade da madeira do berce da grada débese a don Xosé Deus, considerado un dos maiores expertos mundiais nas botaduras deste xeito de grandes buques. Aquel 15 de abril de 1972 viñeron técnicos estranxeiros a presenciar, máis que a botadura, como se crebaba aquel barco no seu contacto co mar. Quedaron coas ganas. Foi todo un éxito que deixou precedente e don Xosé Deus pasou a formar parte dese grupo elixido de enxeñeiros cuxos traballos figuran, ou deberan figurar, nos anais da enxeñaría naval.
Era coñecido na vila como “Cheíño”, apelativo agarimoso de Xosé. Acostumaba pasear, superados os 90 anos, case sempre á beira do mar da súa vila deténdose a falar cos amigos e veciños das súas incribles aventuras, entre as que destacaba unha polo mar de China ou a recuperación dun submarino a máis de cincuenta metros de profundidade nas augas de Sudáfrica. Historias entrañables que formaban parte consubstancial do xeito de ser do personaxe.
Hai uns anos fíxoselle un pequeno recoñecemento que consistiu na colocación dunha placa na parede do edificio do Club do Mar, pero, en puridade, don Xosé Deus é merecente dun recoñecemento institucional que, miren por onde, podería comezar coa publicación dun libro que xa está en fase de elaboración escrito pola xornalista Mercedes Puyol, á que chamou moito a atención a personalidade do enxeñeiro mugardés. Unha publicación que abundará máis no aspecto da personalidade de don Xosé que na parte técnica da súa profesión, que tamén. Ao redor da presentación desta publicación poderíase facer algo máis e, deste xeito, poñer en valor o traballo deste home que viaxou polo mundo adiante explicando a razón do seu traballo e como nun estaleiro chamado Astano, onde comezaron a construírse pequenas embarcacións de pesca, puido posteriormente colocar nas súas gradas superpetroleiros de más de 300.000 toneladas constituíndo todo un feito histórico que se debe a un traballo interdisciplinario dun equipo perfectamente coordinado baixo a dirección de José María González-Llanos, do que formou parte moi importante o noso protagonista don Xosé Deus López. Di aquel refrán que: “De ben nacidos é ser agradecidos” e Mugardos debe selo cos seus fillos sobranceiros, entre os que sen dúbida se atopa don Xosé Deus.