Durante centos de anos os anfiteatros romanos enchéronse con xente ansiosa de desfrutar de espectáculos -que hoxe consideramos barbaridades, porque que diversión tiña a morte dun gladiador?- onde botar fóra os malestares das súas cotiandades.
Co paso do tempo as sociedades todas foron evolucionando e esa necesidade de moita xente de berrar, con ou sen insultos, como maneira de esquecer preocupacións, de desestresarse, centrouse desde hai anos nalgún deporte. Rugbi, beisbol, baloncesto..., nalgúns lugares, e fútbol, moi maioritariamente, entre nós.
Para un bo número de xente fíxose esencial -como xa acontecera no tempo dos romanos- procurar un branco sobre o que descarregar as iras producidas polos malestares da vida diaria. O principal foi o árbitro, xunto cos seus auxiliares, principal responsable dos erros e malos resultados do equipo. Mais as equipas arbitrais non detentaban a exclusiva. Tamén se lles berraba, con insultos incluídos, aos xogadores contrarios e aos seus siareiros, cando os había. Unhas rivalidades mal entendidas que, a miúdo, ofrecían e seguen a ofrecer espectáculos deplorables.
O curioso é que case todo o mundo, dun xeito ou doutro, acaba sendo partícipe do proceder das masas. Quen de vostedes non ten levado maiúscula sorpresa vendo comportamentos, nun recinto deportivo, de persoas -homes e mulleres, novas e maiores-, que nunca tería imaxinado? Arroupada pola masa, moita xente desinhíbese e...
Cabrón, maricón, fillo de puta... non soan aló moi ben, pero tampouco matan ninguén. Tonto -iso que lle berraban hai uns días a Vinicius en Valencia- ou similares tampouco. Cousa ben diferente son os improperios largados contra Piqué -simplemente por ser independentista- ou contra Messi ou Cristiano, por ser os mellores do momento, que a min, particularmente, me parecen igual de punibles que os de carácter racista. E xa non falemos da invasión do campo de Cornellá para agredir os xogadores do Barcelona. Palabras maiores. E que eu saiba as medidas adoptadas en todos eses casos quedaron en pouca cousa. En calquera caso, se alguén pensa que con medidas represoras se vai acabar cos problemas aviado vai. Non é que non haxa que sancionar, que hai que facelo, como non, mais do que se trata é de falta é educación, algo que entre nós nunca gozou de boa saúde e que, lamentablemente, cada vez é máis escasa. O desprezo aos demais, polo que for, é unha constante. Para min o acontecido o outro día en Valencia non se diferencia de centos de casos idénticos, ou peores, producidos anteriormente. Moi feos todos eles. Mais o que, ao meu entender, máis preocupa é a repercusión internacional que tivo -xerada desde aquí, ollo!-, ese que dirán, cando todos sabemos -dinnos nos medios- que España non é racista, que os españois non somos racistas... Penso que non se pode cualificar España e os españois de racistas. Mais tampouco de antirracistas, como nos demostra a longa vida de contacto cos xitanos. Faise evidente que certo racismo existe, se ben en menor medida, polo que teño visto, que en lugares como o propio Brasil, USA, Gran Bretaña, Francia, Alemaña, Bélxica... E insisto: a unica maneira de acabar con racismos, xenofobias, aporofobias... é con educación.