Desinformación e democracia

Velaquí, unha casualidade coincidente co inicio da campaña electoral formal das Eleccións ao Parlamento Galego e con todo o que atinxe ao uso da información e da propaganda orientada, sexa en beneficio propio e lícito de calquera das candidaturas en competencia coma, tamén en sentido moralmente ilícito e fraudulento, para facer dano ao rival electoral. Sabendo que “a manipulación da información non só socava a confianza nas institucións e na democracia, senón que tamén pode poñer en risco a nosa saúde, o noso benestar e os nosos dereitos humanos”; vimos de coñecer o Informe de Riscos Globais (2024) do Foro Económico Mundial que destaca a desinformación como o perigo máis grave para os próximos dous anos, segundo a percepción de 1.490 expertos de diversas áreas. Este fenómeno ameaza a lexitimidade dos gobernos recentemente elixidos en países que contarán con preto de tres mil millóns de votantes. Afirman que “a expansión da desinformación podería conducir a unha maior represión da información en todo o mundo, con posibles casos de propaganda e censura gobernamental”. Os gobernos, en resposta á desinformación, poderían optar por un maior control da información, poñendo en risco as liberdades relacionadas con Internet, a prensa e o acceso a información diversa. O informe, antes citado, advirte que a polarización de percepcións da realidade estenderase máis aló das eleccións, afectando temas como saúde pública e xustiza social. A crecente desconfianza nos medios e nos gobernos podería intensificar as divisións e provocar disturbios civís, desde protestas violentas ata enfrontamentos. Máis aínda, as interfaces con intelixencia artificial facilitarán a proliferación de información falsa e contidos “sintéticos”, como clonacións de voz e páxinas web falsificadas. Os gobernos responden promovendo novas regulacións, como a marca de auga en China para identificar contido xerado por intelixencia artificial e combater a desinformación. Con todo, nos próximos dous anos, espérase que a desinformación manipule ás persoas, dane economías e fracture sociedades. Tamén se anticipa a aparición de novos delitos, como a pornografía non consentida e a manipulación do mercado bolsista. A longo prazo, a desinformación colócase como o quinto risco, mentres que eventos extremos relacionados co cambio climático ascenden ao primeiro lugar nunha década. Compre lembrar que a liberdade de prensa é un piar da democracia. A manipulación da opinión pública é un grave atentado contra os principios de pluralidade e igualdade dos sistema democráticos. Convén peneirar o relato para eliminarlle a impureza tóxica. 

Desinformación e democracia

Te puede interesar