Deporte?

Sorprendéronme moi positivamente unhas declaracións –feitas en Riad a Prensa Ibérica– de Borja Iglesias que lin hai dous ou tres días. Nelas, o magnífico dianteiro centro do Betis, manifestaba que non entendía a escolla do lugar de celebración da Supercopa. “No puedo comprender que la Supercopa se juegue en Arabia Saudí”, dicía o titular da conversa. A min pásame o mesmo. E creo que moita xente máis tamén pensa igual. Á pregunta da opinión que lle merecía ese feito de xogar en territorio saudí respondía que non gustaba diso, aclarando que non era porque non se xogase en España -cousa que tampouco entendía- senón porque se xogase alí. Ao tempo engadía: “Tengo dudas porque si digo lo que pienso, quizá no me dejan ni jugarla”. Esta cuestión sería realmente preocupante, non pensan? Xa sería o colmo. Pero ao ritmo represivo que imos no mundiño do fútbol -e nos outros tamén, o que é moito máis grave- calquera día podémonos atopar con calquera barbaridade. E iso que de seguido andan a voltas coa liberdade de expresión. Haberaa, mais escasa.
 

Evidentemente, xógase en Arabia Saudí por unha única razón: a pasta. E chegados a este punto o primeiro que me vén á cabeza é a pregunta de se o fin xustifica os medios. A obtención dunha boa pasta, por moi gansa que esta for, pode xustificar un tremendo lavado de cara como o que ultimamente lle está facendo o fútbol -e outros moitos deportes- a estados onde non teñen cabida nin as máis elementais liberdades. E viva a democracia! E a igualdade! E os dereitos humanos!... Ah, pero eses temas non mos toquen agora, dirán organizadores e bempensantes. Deixémolos para outro momento. Que isto é fútbol. E non hai que mesturar política e deporte. Xa, xa.
 

Se cadra, debería ser así. Mais non é. Todo o deporte está politizado. E tanto.
 

Falando desta minicompetición, cun formato inventado hai pouco, non podemos perder de vista que a organiza un organismo denominado Real Federación Española de Fútbol, que, se ben é unha asociación privada de utilidade pública, no seu nome leva ben expresa unha opción política: real. Termo que tamén utilizan dous dos equipos finalistas este ano: o Real Club Betis Balompié e o Real Madrid Club de Fútbol. Algo, isto da denominación, que, supoño que xa terán reparado, non adoita verse fóra de España, e iso que hai potentes campionatos en territorios onde a monarquía está bastante máis arraigada que entre nós. Tampouco é que teña maior importancia. É capaz de ser algo idiosincrático.
 

Sexa como for, se as cousas non cambian, temos supercopa en Arabia ata 2029. Do que estou seguro é de que non vai cambiar nada a situación política dese país. Desde logo que para nada por xogarse alí esta competición. Alguén sabe cantas mulleres acoden a estes partidos? Percibiuse un incremento ao longo destes catro anos? Supoño que ningunha das dúas cousas, pois tería sido noticia de relevo e non a vin por ningures.
 

E cambiando un chisco de tema, se política e deporte deben estar afastados, como se explica que o señor Tebas ande polas institucións europeas tentando impedir movementos a favor dunha superliga? Moi coherente non parece. Ou si?

Deporte?

Te puede interesar