Da visibilización

A proximidade de varias confrontacións electorais anima o cotarro político no noso país. Novas de amor e desamor, referidas a temas centrais da lexislatura, mudan de opinión e posición cada día, para desesperación de uns e felicidade doutros. Son tempos de visibilización. Non é nada novo. Calquera coalición, ante a realidade das urnas, tenta vender caro o seu espazo, o seu apoio e non cede a visión protagonista da súa xestión do relato. Precisamente é nese contexto, onde temos que encadrar as escenificacións dos diversos desencontros da coalición de goberno. Canto menos tempo queda, maior é a velocidade á que se producen os desencontros. E adquiren, voluntariamente, maior tamaño e notoriedade. Facerse visible, colle xa carácter de urxencia, para poder vender posición e logros na permanente contenda electoral. A velocidade non é un tema menor; foi o factor decisivo da  Historia Moderna, o factor de transformación que dinamizou a economía e a configuración das sociedades. Hoxe, a importancia da velocidade foi superada pola acción das tecnoloxías, de diverso pelaxe e condición, pero que comparten o feito de facer do inmediato, a condición básica da súa existencia. A inmediatez, xunto coa realidade indiscutible de que formamos parte da aldea global –termo que acuñara McLuhan– fai que calquera logro, por moitos cualificativos de históricos que puideran acadar, dure pouco máis dun par de telexornais, antes de converterse en carne de hemeroteca e case en materia de esquecemento.  De aí as condicións básicas da visibilización: primeiro o uso excesivo da dramatización, ao estilo da diplomacia ao borde da guerra; en segundo lugar, a necesidade perentoria da publicidade e dos altofalantes, para chegar a máis colectivos e a máis portadas. Que non cunda o pánico. Son meras estratexias, caóticas pero calculadas. Aínda que ás veces semellara que a eternidade, tivera as horas contadas.
 

Sentirte ten a maxia dunha bóveda; a elegancia austera da luz dando relevo a un tímpano...
 

Da visibilización

Te puede interesar