Da memoria emocional

A memoria é un pais lonxano. Ás veces funciona a introspección e descubrimos acontecementos que agardaban , segundo escribira Bécquer, a man de neve que saiba arrincalos. Acumulamos ordenadamente substratos, que periodizan os tempos xa vividos e onde vai quedando, presa da nostalxia, a memoria emocional do sentido. Inesperadamente, nun momento concreto, algunha circunstancia imprecisa, esperta unha memoria durmida e todo regresa ao presente, ata con aromas, sons e tonalidades, tal cal sucedeu e sen engurras, nin esas manchas ocres que herdamos do tempo transcorrido. Ven isto a conto, porque lembrei un episodio no que aínda hoxe ao evocalo, revivo a dor e a ferida daquel día. Causouno unha das mulleres que me deixaron no meu devalar afectivo.


Desas cousas que suceden, segundo algúns manifestan, cando chegan a coñecerte demasiado. Ao día seguinte, atopeina saíndo da perruqueira tras cortar a súa fermosa melena.  Lembro a dor, pero tamén a sorpresa e o simbolismo evidente que implicaba aquel cambio de imaxe. Quedoume así ben claro, que empezaba unha etapa nova na que eu, xa non tiña espazo. Sucedeu, cronoloxicamente, nos tempos do golpe de estado de Tejero, aquela primeira grande ameaza á, recentemente estreada, democracia. Quedaron os dous feitos indisolublemente xunguidos no meu memorial de afectos. Hoxe, tanto tempo despois, unha nova ameaza chega dende a dereita política e xudicial.


Para máis inri, cun número importante de membros deste organismo xudicial, que levan catro anos caducados. Nunca antes o Poder Lexislativo, sede da soberanía popular,  fora atacado de semellante xeito.


Esta intolerable situación de ameaza, que asombra pola íntima conivencia de tódalas dereitas, deixou ao descuberto, coma sucede coas grandes riadas, a rocha firme da memoria afectiva daqueles inicios dos oitenta.


E novamente hoxe, por coincidencia contextual, recupero a súa imaxe, envolta nun sorriso e cun aceno discreto de despedida mentres se marchaba, acariñándose o pelo e sen mirar nunca atrás.


Sentirte, ten a eternidade fráxil de habitarte...

 

Da memoria emocional

Te puede interesar