Da insolencia

No oficio de vivir, as diversas especies tiveron que adaptarse para saír indemnes ante as adversidades ás que se enfrontaban. Desenrolaron estratexias para aparentar que eran máis feros, máis grandes ou máis habilidosos, nos seus enfrontamentos con outros potencialmente superiores. Todo para  agochar unha realidade que non lles era favorable. Na política, nas postas en escena destes días, asistimos a procesos de  mimeses semellantes. Sempre coa mesma intención, agochar nos exabruptos e na descualificación a súa incompetencia para propoñer e debater. Así chegamos a esa insolencia malencarada e  excesiva, que queda moi lonxe da cortesía parlamentaria, que evidencia un machismo intolerable e unha perda radical da honorabilidade que se lle supón, por ser representantes da cidadanía. Son poucos en número, pero utilizan o ruído escandaloso para amplificar a súa actuación,  ser portada da prensa e gañar así visibilidade. Da igual que quen prenda o lume sexa un tránsfuga de ética dubidosa ou calquera outro personaxe, manchado polas incidencias da súa propia historia. Non buscan nin a verdade, nin presentar proxectos alternativos ou enmendas. É mera insolencia arrogante. Non todas as insolencias son iguais. Pode haber quen a practica para tentar poñerse en valor, para destacar entre iguais, pero sen botar man do insulto nin desprezar as Institucións, é a insolencia irritante,  incómoda pero soportable. Tamén está a insolencia soberbia, propia daqueles que insisten en coñecelo todo máis e mellor que ninguén. Pero cando xuntamos  insolencia con narcisismo, con ese sentirse donos e señores da xustiza divina, abroncando e desprezando a todos e a todo, é cando acadan o grao superior, o da insolencia despótica. Afloran coas crises e as manipulacións e sempre teñen afiado o odio, a desfachatez, e a provocación antidemocrática. O tratamento máis eficaz? O das urnas das eleccións democráticas.   Aplicar só 1 vez cada anos. Nunca falla.


Como dicirte que na ausencia, o mundo é máis grande e máis frío sen ti...

 

Da insolencia

Te puede interesar