Da crispación

Volvín a lembrar a Serrat cando os datos do CIS manifestaron que un 90,4% dos españois estaban fartos da crispación política. Fartos xa de estar fartos, que dicía a canción, con intención e criterio. E sobre todo, con acerto. A sociedade non merece que a Política acabe converténdose nun problema máis, en lugar de ser o elemento vehicular que articule respostas e solucións a este momento complexo que vivimos.


Non precisamos novos elementos que alimenten os ataques e os insultos, que non buscan resolver senón enlodar os razoamentos e os debates. Non axuda nada que as disputas na construción dunha alternativa de esquerdas en Andalucía, rematarán como o rosario da aurora e non fora posible inscribila en tempo e prazo. Non son maneiras de facer as cousas e claramente desmotivan a aqueles que agardaban unha proposta diferente para un tempo diferente.


Non son defendibles as desculpas de mal pagador de Iglesias arremetendo contra todo e contra todos, quedando el de único inocente.


Tampouco son de recibo os fallos de seguridade das comunicacións que afectan a institucións e Goberno. Algo se fixo mal. Núñez Feijoo agardaba estas cousas coma auga de maio, e así entrou a saco na imitación dos usos e costumes dos seus antecesores e endurece o seu discurso, na forma, xa que no fondo xa era duro e cortante coma espada toledana. Non está feito o PP para acordar nin para compartir, non está no seu adn.


Eles viven do slogan, do chascarrillo e dos mantras repetidos de baixar impostos e de usar as bandeiras en beneficio propio. Pero a pesar de todo, temos que confiar e prestixiar a Política.


Só a Política é convivencia en igualdade. Fóra dela, sempre será inverno, opresión, intolerancia e ditadura.


Tes a grandeza permanente do sinxelo -dixo El- a arquitectura equilibrada e serena do que importa. Unha ermida alta de tenrura e promesa...

Da crispación

Te puede interesar