Os curas de Ferrol nos sucesos de marzo de 1972

Quen o diría podermos chegar algúns daqueles curas a lembrar o 50º aniversario do acontecemento máis lutuoso e criminal que sufriu Ferrol, se exceptuamos os crimes do 36 (un réxime baseado no crime). Aínda que a memoria xa nos xoga malas pasadas e nos fai sufrir por eses espazos baleiros que con interese quixéramos ter máis precisos, ora ben Os Sucesos de Marzo do 72, quedaron de tal forma gravados na nosa memoria que seguen presentes con bastante precisión. Tan foi así que marcou un antes e un despois na nosa vida de curas no Ferrol.


Eu son un de tantos con compañeiros que loitamos contra o réxime de Franco desde a nosa posición de curas nunha Igrexa que estaba secuestrada polos golpistas militares, e aínda hoxe como institución segue coa súa saudade daquel tempo, e que se prestou na maior infamia de apoiar a guerra entre irmáns e colaborar en manter a ditadura asasina durante tantos anos. Houbo, emporiso, cristiáns, sacerdotes e incluso algún bispo que seguiu o exemplo e compromiso de Xesús de Nazaret coa “boa nova aos pobres, o anuncio da liberdade aos presos e a liberación dos oprimidos”.


Estabamos ao tanto da marcha das loitas obreiras en Ferrol, seguíamos moi de cerca a marcha das negociacións dos convenios; colaborabamos coas denuncias nas homilías da misa, facíamos colectas para axudar aos obreiros en folga, poñiamos as igrexas ao servizo das reunións clandestinas e tamén para encerrarse e reclamar xustiza.


Quero recordar aquí a dous amigos veciños de San Xoán, e tamén algo de mestres meus na loita obreira, 

Xulio Aneiros e Lolo Galán, entrambos in memroiam. Os dous obreiros da Bazán, dunha humanidade singular, fundadores de CCOO. Xulio, comunista convencido e utópico loitador na liberación da clase traballadora; como bo discípulo lin La Madre de Máximo Gorki, etc. Lolo, reservaba a súa ideoloxía pensando, e pensaba ben, que me escandalizaría. Se ben é certo que como curas de formación eclesiástica eramos anticomunistas, xa nese tempo empezamos a despuntar co socialismo democrático e o movemento de CpS (critstiáns polo Socialismo) Como dicía Afonso Comín, un dos fundadores: comunista na Igrexa e cristián no partido. Se para a policía eramos todos “curas comunistas”, aínda faltaba un pouco para seguir a estes meus caros amigos.


Isto puxo á policía nunha actividade frenética para cortar polo san ese grupo de curas que pretendía rachar os lazos tan intimamente conservados entre a Igrexa e o réxime de Franco. Eramos conscientes de estarmos nunha cidade fortemente dominada polos militares golpistas, nun ambiente que chocaba co nacional catolicismo cunha Igrexa franquista, onde os cregos rezaran en todas as misas por Franco como salvador de España; unha Igrexa que santificara a guerra civil como Santa Cruzada.


E chegou o día 10 de marzo de 1972 un pelotón de policías metrallou unha multitude de obreiros coa morte de Amador e Daniel e moitos feridos. Foi un milagre que non morreran a decenas. Parece ser que algo puido intervir a posición dun autobús que nese intre se interpuxo e que foi tamén baleado. Unha situación desoladora que tivo a Ferrol totalmente pechado.


Na famosa homilía denunciouno claramente: “Diante da morte dos irmáns nosos, só escoitamos a voz do Sinaí: NON MATARÁS, escoitamos tamén a voz do mundo actual que ten medios pacíficos para eliminar a violencia e a morte, incluso nos códigos da sociedade civil. Desexamos e pedimos con toda a forza da nosa palabra e da nosa vida que estas mortes sexan as derradeiras. Que se utilicen medios axeitados para restabelecer a orde pública, como é o uso nas sociedades modernas, sen ter que ir ás armas contra dunha multitude desarmada”.


As consecuencias deste crime:


1) Non houbo xulgamento dos criminais que apuntaron cos seus fusís, nin aos que mandaron metrallar, ben ao contrario, houbo obreiros despedidos dos seus postos de traballo; encheron a comisaría de persoas loitadoras do seus dereitos, mais pacíficas e honradas; persoas multadas con centos de miles de pesetas; cadea e duros xuízos do TOP aos obreiros e a aqueles que os defenderon.


2) Estes sucesos deron razón e firmeza coa actuación nas parroquias deste grupo de curas na liña antifranquista. A represión policial non nos botou para atrás senón ao contrario máis firmes aínda, se ben aprendemos a usar as estratéxicas coa doutrina do Vaticanos II; aínda que no valeu de moito, pois as multas seguiron por denunciar que obreiros seguían presos por defender os seus dereitos. Mais a Igrexa en xeral permaneceu unida ao franquismo. Se no Concilio firmaran a defensa dos dereitos dos traballadores, nas súa dioceses esquecéronos. Ben é verdade que houbo algunha excepción, aquí tivemos un apoio firme do bispo Miguel Anxo Araúxo Iglesias.


3) Temos que constatar a solidariedade do pobo de Ferrol coas familias das vítimas, sobre todo coas viúvas, Ubalda con dous fillos e dúas fillas e Miluca, as dúas in memoriam.


4) Xa na democracia ergueuse o monumento ás vítimas de 10 de marzo, Nestes días piden que sexa trasladado ás Pías lugar dos sucesos. E eu digo máis, e se dúas vítimas teñen un monumento, tamén a Comisión Promemorial de todas as vítimas do franquismo de Ferrolterra promove no Concello, que este ano, sen falta, levantará en Canido, onde estean, non dúas, senón algo máis de 900 vítimas do franquismo.

Este é o memorial dunha historia de loita con logros e amarguras, con luces e sombras, mais sempre coa teima cara unha humanidade nova, que o pobo de Ferrolterra ten que recoñecer.

Os curas de Ferrol nos sucesos de marzo de 1972

Te puede interesar