A economía mundial está marcada pola confrontación entre o bloque histórico imperialista (Estados Unidos e aliados) e o ascenso das potencias emerxentes, que cada vez teñen un papel máis destacado na nova orde mundial, como: China, Rusia, India, Brasil, Indonesia, Iran, Turquía... E todo indica que non son abondo os intentos por mudar esta tendencia por parte de “occidente” malia seu poder militar, desenvolvemento tecnolóxico, control sobre o sistema financeiro e a construción do relato.
Nesta disputa, pola recomposición do mundo, o retroceso xeo-estratéxico máis importante, como indica a evolución do PIB e da demografía, correspondeulle á Unión Europea. Unha das razóns é sen dúbida a guerra na Ucraína, e o conflito con Rusia, especialmente polos milleiros de sancións que racharon a relación de privilexio co maior subministrador de enerxía e materias primas, a prezos que facían máis competitivos os produtos da UE. A evolución regresiva do PIB de Alemaña, a locomotora da Unión, así como seus efectos negativos sobre o emprego e salarios, son o mellor exemplo.
Algúns datos. Segundo o Banco Mundial a economía da zona euro medrará só un 0,7% en 2023, e o 1,2% o próximo ano, datos que para Alemaña son do -0.5% e 0,9% respectivamente. Nos Estados Unidos as porcentaxes son do 2,1% e 1,5% respectivamente. Pola súa banda a Federación Rusa medrará este ano o 2,2%. Porcentaxe que Moscova eleva a máis do 3% para 2023, e que amosa a fortaleza da súa economía. En poucas palabras, as sancións non afectaron como se esperaba a Rusia, malia o esforzo militar, e ademais, como di seu governo, axudou a potenciar a industrialización, a creatividade e a investigación.
Fago esta reflexión, porque con este panorama e a desfeita causada pola guerra de grandes zonas da Ucraína, resulta incomprensíbel que a UE potencie a confrontación en vez da vía da negociación. Un conflito que Rusia ten gañado, e que canto máis se demora máis custes económicos terá para os povos europeos. Ademais, dos 50 mil millóns que agora están en debate en axudas a Kiev, hai que sumar as achegas económicas e material militar de todo tipo, así como un aumento do gasto en defensa na propia UE. Cunha economía estancada, perdendo competividade respecto das potencias emerxentes e dos Estados Unidos, o aumento de gastos por mor da guerra, son custes que só poden saír da caída dos ingresos salariais, de menores prestacións e subvencións públicas. Canto máis dure o conflito maiores serán os custes humanos e estruturais, tamén os sacrificios, agora e na reconstrución. Hai que resolvelo xa!