Consensos e disensos

Fiquei abraiado cando recibín un WhatsApp enviado por un amigo no que me facía saber a nova de que o BNG de Lugo decidira non apoiar o recoñecemento de Xesús Alonso Montero como Fillo Adoptivo de Lugo. A proposta dese recoñecemento, que partiu dun grupo de exalumnos do instituto –hoxe chamado Lucus Augusti, onde Alonso Montero foi catedrático durante 15 anos– de amigos e de camaradas, foi asumida polo grupo de goberno municipal do PSOE. Por ese motivo, a alcaldesa Paula Alvarellos anunciou, na xunta de portavoces do pasado martes, que decidira propor no próximo pleno o nomeamento de Fillos Adoptivos da cidade de Lugo de Xesús Alonso Montero e do médico Rafael de Vega, fusilado polos facciosos en 1936. 


Ao pouco de coñecerse a noticia, alegando que a súa figura non xera consenso entre os veciños, polos seus polémicos posicionamentos en diferentes temas, o portavoz do BNG fixo saber que non apoiaría a proposta de facer Fillo Adoptivo a Xesús Alonso Montero.Cando tal vin, o inicial abraio foi in crescendo e veume á cabeza que aló polos 80 e os 90, na ducia e media de anos que estiven afiliado á UPG, en moitos medios os nacionalistas do Bloque eramos coñecidos como os do NON, por responder dese xeito a tanta roda de muíño coa que se nos quería facer comulgar. Tiña idea de que eses escuros tempos xa pasaran e, consecuentemente, as cousas habería que afrontalas de diferentes xeitos, a ser posible con certa empatía, con xenerosidade e con esa amplitudede de miras que tanto lle escoitamos dicir a Ana Pontón, que, de momento, nada dixo desapostura –sectaria?– tomada polos seus correlixionarios lugueses. Penso que se o BNG –lugués ou nacional– tiña algunha conta pendente que axustar con Alonso Montero puido facelo con toda elegancia, poñendo de relevo os supostos agravios ao tempo que expresaba o seu voto favorable á proposta, dado que, visto con absoluta imparcialidade, é evidente o amor que Xesús Alonso Montero lle ten a Lugo e son innúmeras as actividades de defensa de Galicia, do seu idioma e da súa cultura que desenvolveu nos tres lustros –en ditadura, non o esquezamos– que morou na cidade. Manifestando que, malia as múltiples maldades –todas as que se considerasen oportunas– que levaba feitas, ían apoiar a proposta de nomear Alonso Montero Fillo Adoptivo xa que xogou un papel educativo e cívico relevante no Lugo de finais do franquismo. Mais, agora xa foi, Marica non chores. Fiquemos na intolerancia.


Foi en Lugo, concretamente no Círculo das Artes, onde tiven diante por primeira vez aquel profesor do que non escoitaba falar máis que marabillas aos meus compañeiros de aulas composteláns –e doutras actividades menos confesables– que foran alumnos seus. Eran os días finais de 1968 e na citada institución tivo lugar un recital de Voces Ceibes ao que asistín, sentado ao seu carón. Alí cantaron Xoán Rubia –compañeiro de páxina–, Vicente Araguas –amigo desde que entrei no colexio–, Guillermo Rojo, Xavier del Valle e Benedicto García. Ao longo dos anos, en varias ocasións –en que estiven con el presentando libros– fun testemuña do cariño e admiración que desperta na cidade. Conomeamento de Fillo Predilecto, Lugo honra un cidadán de pro e honrase de poder contar entre os seus fillos unha figura intelectual e humana do tamaño de Xesús AlonsoMontero.

Consensos e disensos

Te puede interesar