Chamoume a atención a presenza do conselleiro cesado no acto de toma de posesión da súa sucesora no cargo. Eu, sinceramente, non tería ido. Máxime, en aras desa discreción, que algunhas informacións lle atribúen. E menos aínda exhibindo sorrisos de orella a orella, por moito que manifestase abertamente ser “absolutamente inocente”. Que ía dicir se non? Na parte visual das informacións, pódese ver como o presidente Rueda, de xeito menos ostentoso, iso si, tamén amosou sorrisos, o mesmo que a sucesora no cargo, e algún outro, conselleiro delineaban tímidas expresións próximas ao suposto xesto sorridente da Gioconda. A única persoa á que lle vin unha expresión facial ben diferente foi ao presidente do Parlamento. Casualidade? Auténtico sentidiño? Porque, non sabendo de que ía a cousa, as imaxes que podemos ver parecen máis dun recibimento a un conquistador das Américas que a un encausado por un suposto delito de agresión sexual.
Son rechamantes as expresións de apoio, tendentes a deixar de lado os feitos e a valorar as actuacións do investigado: comportamento exemplar, honra de dimitir, recuperalo, canto antes, para a vida pública... Isto é: unha vítima máis da maldade feminina.
Fronte a iso, nin unha palabra para a denunciante. Esa parcela déixana para os medios de comunicación afíns, que xa se encargaron de falar dela, con nome e apelidos -de onde sairía a ruín canallada de divulgar o seu nome?-, en termos pouco precisos, sobre se tiñan unha relación de dous anos, unhas relacións sexuais esporádicas, sen compromiso..., así como do seu pasado: “sonados amores”, “ya ha vivido otros escándalos amorosos”, “la vida amorosa de la ferrolana que pudo ser ‘chica Bond’”... Del, da súa vida anterior, pola contra, nada se di.
Tremendo contraste entre o que agora escoitamos e o que lle ouvimos dicir ao portavoz parlamentario do PP hai poucos meses, cando a denuncia contra Errejón -de quen, quede claro, sempre estiven e estou nas antípodas-, tamén por presunta agresión sexual. Daquela, ademais de mostrar o seu apoio a “todas as mulleres vítimas de acoso sexual”, falou da dimisión de Yolanda Díaz, caso de que xa soubese o que acontecía e o tapase para protexer o investigado -xusto o que fixo Alfonso Rueda, que, segundo dixo, era coñecedor do tema desde febreiro- e, inclusive, chegou a pedir a disolución das Cortes e a convocatoria de eleccións.
Agora, non se fala de nada diso. Os mandamases do PP calan como petos e os xornalistas afíns ensalzan a actuación de Rueda, que tomou a decisión atinada cando a debía tomar. E isto tamén chama a atención. Nuns parágrafos lemos que o conselleiro presentou a dimisión cando o xulgado lle comunicou que estaba investigado e noutros que foi apartado polo Goberno da Xunta, cando se soubo da investigación. Chi lo sa?
Xa sabemos o de que a río revolto ganancia de pescadores. Todo moi turbio.
Teño o convencemento de que a denunciante, cando se presentou na policía para dar conta dos feitos, xa era consciente do que podía agardarla. E aínda así o fixo. Iso si é valentía e non renunciar a un cargo.